Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

CCOO defende un diálogo social «con contido e sen vetos» e avoga por unha subida do SMI acordada a tres bandas

    Amelia Pérez participou nunha reunión para ultimar os detalles sobre o decreto que institucionalizará o diálogo social en Galicia

    08/01/2026.
    Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Galicia.

    Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Galicia.

    A secretaria xeral de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, defendeu este xoves o diálogo social no ámbito galego, pero sempre que este instrumento sexa «con contido, en profundidade e sen vetos», co obxectivo de abordar todas as cuestións relevantes para o país.

    Amelia Pérez fixo estas declaracións tras unha reunión co conselleiro de Emprego, José González; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites; e o secretario xeral da Unión Xeral de Traballadores (UXT), Cristóbal Medeiros. No encontro tratáronse os últimos detalles do decreto polo que se institucionalizará o diálogo social en Galicia.

    A secretaria xeral de Comisións Obreiras referiuse tamén á suba do salario mínimo interprofesional (SMI), un asunto que, no ámbito do Estado, se está a negociar nunha mesa tripartita entre sindicatos, patronal e Goberno. Nese senso, deu a benvida á unha nova posición dos empresarios, que parecen que «xa non están instalados no bloqueo absoluto».

    Nese senso, Amelia Pérez salientou que CCOO prefire un acordo a tres bandas co respaldo de todos os implicados, pero avisou de que se non hai pacto e a patronal volve ao bloqueo, vanlle pedir ao Goberno que «tome decisións» e aprobe ese aumento. «O que non pode ser é que non se produza un incremento do SMI», advertiu.

    A proposta que o Ministerio de Traballo entregou onte aos axentes sociais, cunha subida do 3,1 % do SMI sen tributación ao IRPF, vai en sintonía co recollido na Carta Social Europea Europea, que recomenda que o salario mínimo acade un 60 % do salario medio neto. Unha vez asegurado ese fito, CCOO non vai torpedear as posibilidades dun acordo tripartito, pero sen renunciar «aos aspectos que teñen que garantir eses incrementos íntegros enriba da mesa».