Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

A Xustiza impón ao Concello de Pontevedra o pago a un policía local das vacacións non desfrutadas por baixa médica

    O goberno local negou un dereito laboral básico a un traballador xubilado tras 39 anos de servizo

    14/01/2026.
    O Concello terá que pagar os días de vacacións do funcionario.

    O Concello terá que pagar os días de vacacións do funcionario.

    O Xulgado do Contencioso-Administrativo Nº. 3 de Pontevedra acaba de ditar unha sentenza na que se estima integramente o recurso presentado por un axente da Policía Local de Pontevedra, representado polos servizos xurídicos de CCOO, e pola que se obriga ao Concello a aboarlle os días de vacacións que non puido desfrutar no ano 2024 por estar de baixa médica ata a súa xubilación. A resolución é firme desde esta semana ao non presentar recurso a administración local.

    O demandante, funcionario que se xubilou tras 39 anos de servizo na Policía Local pontevedresa, presentou un recurso administrativo contra a decisión da concelleira Eva María Villaverde Pego de denegarlle unha compensación económica polos días de vacacións correspondentes ao ano 2024 que non puido desfrutar por estar de baixa por enfermidade.

    O Concello de Pontevedra, lonxe de recoñecer un dereito establecido tanto na normativa europea como na xurisprudencia, opúxose categoricamente á solicitude do empregado.

    O funcionario sostivo que a imposibilidade de desfrutar das súas vacacións se debía á súa incapacidade temporal, que se prolongou ata a data da súa xubilación. Baseou a súa demanda na xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), que interpreta o artigo 7.2 da Directiva 2003/88/CE.

    Pola súa parte, o Concello baseou a súa defensa nunha interpretación restritiva do artigo 50.3 do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), argumentando que, ao tratarse dunha xubilación voluntaria, non era aplicable unha compensación económica polos días de vacacións non utilizados.

    O goberno municipal penalizou o empregado por xubilarse despois de estar de baixa médica, ignorando que a imposibilidade de gozar das vacacións se debía precisamente á súa enfermidade, non á súa vontade.

    Primacía do Dereito europeo

    A Directiva 2003/88/CE é clara no seu artigo 7.2, establecendo que o dereito a unha compensación económica polos días de vacacións non utilizados ao finalizar a relación laboral é unha excepción á prohibición xeral de substituír o tempo de vacacións por cartos. O TXUE interpretou repetidamente esta disposición, remarcando que o motivo da finalización da relación laboral é irrelevante. O único requisito é que a relación laboral finalizase e que o traballador non puidese desfrutar das súas vacacións. Esta mesma doutrina do TXUE foi a razón para modificar a lexislación española a través da Lei 11/2020, do 30 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para 2021.

    O maxistrado foi rotundo na súa sentenza e anulou as dúas resolucións administrativas da concelleira Eva María Villaverde Pego, de xeito que recoñece o pleno dereito do axente da Policía Local á retribución das vacacións. O xuíz ordena o pago inmediato deses días.

    Para o sindicato CCOO, o principio de in dubio pro operario («en caso de dúbida, fallar a favor do traballador») é un piar fundamental do dereito laboral español. Este principio obriga tamén ao Concello de Pontevedra a interpretar a normativa da maneira máis beneficiosa para o traballador, o que fai inexplicable que optasen pola interpretación máis restritiva e prexudicial para o funcionario, contravindo directamente este piar xurídico.

    O carácter protector do dereito laboral baséase na necesidade de equilibrar a relación desigual entre empresario e traballador. A sentenza que condena as actuacións do Concello de Pontevedra é un claro recordatorio da necesidade de que as administracións públicas, na súa condición de empregadores, actúen con pleno respecto da lei, garantindo en todo momento a protección dos dereitos fundamentais dos traballadores. As interpretacións restritivas e o desprezo deliberado da lei europea e dos principios laborais básicos non só son xuridicamente insostibles, senón que tamén representan unha grave quebra da confianza que a cidadanía deposita nas súas institucións.