Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Abril 2026.

A ITF destaca a importancia das directrices sobre o trato xusto aos mariñeiros detidos por alixos de droga

    Este documento é máis relevante que nunca dado o crecente problema da detención de tripulacións despois de atopar estupefacientes a bordo sen que ninguén as detectase previamente

    15/01/2026.
    Un barco pesqueiro, en alta mar.

    Un barco pesqueiro, en alta mar.

    A Federación Internacional de Traballadores do Transporte (ITF) lembra ás súas organizacións afiliadas, incluído o Sector do Mar de FSC-CCOO, a importancia das novas directrices sobre o trato xusto dos mariñeiros detidos en relación con presuntos delitos.

    Despois de defender unha mellor protección xurídica para a xente do mar detida por sospeita de delitos marítimos, a ITF desempeñou un papel fundamental na obtención de novas salvagardas a través da Organización Internacional do Traballo (OIT) e da Organización Marítima Internacional (OMI).

    Estas directrices son máis importantes que nunca dado o crecente problema da detención de mariñerios por sospeita de delitos marítimos, especialmente cando se atoparon drogas a bordo dun buque sen que ningún membro da tripulación as detectase previamente. Por este motivo, o Sector do Mar de FSC-CCOO subliña a súa utilidade.

    As novas directrices formuláronse na terceira reunión do Grupo de Traballo Tripartito Conxunto OIT-OMI sobre a identificación e abordaxe dos problemas da xente do mar e o factor humano, celebrada en Xenebra do 26 ao 28 de novembro de 2024.

    Posteriormente, a OIT e a OMI ratificaron as directrices sen modificacións a través dos seus respectivos órganos reitores. As directrices foron difundidas para a súa aplicación pola OMI e os seus estados membros. Estas directrices complementan as xa existentes sobre o trato xusto á xente do mar en caso de accidentes marítimos.

    Garantir a aplicación das directrices

    É importante que as organizacións afiliadas garantan a aplicación das novas directrices sobre o trato xusto da xente do mar detida en relación con presuntas infraccións.

    O obxectivo destas novas directrices é garantir que a xente do mar detida por sospeita de ter cometido unha infracción reciba un trato xusto durante calquera investigación e detención por parte das autoridades públicas, e que a detención non se prolongue máis alá do necesario, de acordo coas leis do Estado portuario ou costeiro.

    As directrices recoñecen o papel único das tripulacións que, debido ás operacións globais da industria navieira, viaxan a través de diferentes xurisdicións e requiren unha protección especial nas súas interaccións coas autoridades públicas.

    As novas directrices tamén:

    -Establecen as diferentes responsabilidades para o trato xusto da xente do mar detida por sospeita de ter cometido un delito: para os Estados portuarios e costeiros, os Estados do pavillón, os armadores e o Estado do que é nacional a xente do mar.

    -Prestan apoio á xente do mar, incluído o acceso a servizos consulares e asistencia xurídica, e especifican a importancia das medidas non custodiais durante unha investigación.

    -Salientan o desfrute dos dereitos humanos fundamentais da xente do mar e a necesidade de tratala con respecto e dignidade en todo momento.

    -Piden un fortalecemento da cooperación entre os Estados do pavillón, os Estados de nacionalidade da xente do mar, o Estado portuario onde a xente do mar é investigada ou detida, así como cos armadores e representantes da xente do mar.

    -Coinciden en que é necesario concienciar á xente do mar sobre os riscos de autoincriminación e as opcións que teñen á súa disposición se son investigados ou detidos.

    As directrices pódense atopar aquí.

    A ITF tamén informou ás organizacións afiliadas de que a Cámara Internacional de Navegación (ICS, siglas en inglés) publicou algúns recursos útiles para os buques que visitan portos de América Latina. Trátase de información relacionada coas directrices dos Clubs P&I (mutuas de seguros marítimos sen ánimo de lucro, propiedade de armadores e fretadores, que cobren responsabilidades e riscos non incluídos nos seguros marítimos convencionais) e inclúe información relativa á prevención do contrabando ilegal de estupefacientes por mar.