Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Xaneiro 2026.

Os cadros de persoal do Grupo Losán berran: «Queremos traballar, non mendigar»

    Multitudinaria manifestación entre Vilasantar e Curtis para reclamar unha solución inmediata aos impagamentos

    15/01/2026.
    Manifestación esta mañá das persoas traballadoras do Grupo Aserpal

    Manifestación esta mañá das persoas traballadoras do Grupo Aserpal

    Exitosa manifestación esta mañá convocada polos comités de empresa de Aserpal e de Industrias Losán para esixir unha solución inmediata a crítica situación pola que está a pasar o Grupo Losán. «Queremos traballar, e non mendigar», berraron as persoas traballadoras de ambas fábricas e das oficinas centrais, situadas na Coruña. 

    A mobilización contou cun respaldo social exemplar: os veciños e comerciantes de Curtis volcáronse cos cadros de persoal, demostrando que esta loita é de todo o pobo e a comarca. Ademais, numerosos comités de empresa de CCOO do Hábitat, do mesmo sector da madeira e de outros sectores quixeron estar presentes para amosar o seu apoio e solidariedade.

    Os cadros de persoal do grupo levan tres nónimas atrasadas —novembro, decembro e extra de Nadal— sen que a dirección propuxese solucións efectivas para solventar os pagos, tal e como demandan os comités de empresa, con maioría de CCOO. Tampouco hai enriba da mesa propostas claras para garantir a continuidade industrial e o emprego.

    CCOO alerta de que arredor de 200 familias viven con preocupación un futuro incerto: unhas 170 persoas traballadoras nas fábricas de Curtis e Vilasantar, ademais de preto de 30 persoas nas oficinas centrais da Coruña. A afectación esténdese tamén ao emprego indirecto e ao sector forestal, golpeando a múltiples concellos limítrofes e a toda a cadea de valor.

    CCOO lembra que o grupo, con presenza tamén en Castela e León e Castela-A Mancha, está a buscar unha saída «a desesperada» tras a retirada do investidor, que no mes de decembro decidiu desvincularse dos plans de viabilidade. Para o sindicato, esta situación confirma a necesidade de intervención e garantías reais: «Non é admisible que se pretenda saír da crise deixando ao persoal sen salarios e sen horizonte».

    Os comités de empresa contan coa seguinte representación: catro delegados/as de CCOO, tres da CIG, un de UGT e dous independentes.