Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

Os interinos non terán que matricularse nin presentarse ás oposicións para manterse nas listaxes de substitución

    Logro sindical na negociación de condicións do persoal interino e substituto

    20/01/2026.
    Acordo histórico para os interinos.

    Acordo histórico para os interinos.

    CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UGT-SP, como organizacións sindicais asinantes do Acordo para as condicións de traballo do persoal interino e substituto, informamos dun avance fundamental alcanzado polos catros sindicatos e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP no seo da comisión de seguimento.

    Tras intensas xornadas de traballo, as organizacións sindicais asinantes logramos un cambio histórico no sistema: a fin da obrigatoriedade tanto de matricularse como de presentarse ás oposicións para manterse en listaxes de interinidades e substitucións.

    Froito do traballo e a negociación sindical, acordouse finalmente a eliminación da obrigatoriedade de presentarse aos procedementos selectivos de persoal docente para manterse nas listas de interinidade e substitucións desta consellería.

    Esta obriga suprímese só para o persoal que teña posto consolidado. Para o persoal non consolidado ou para incorporarse a listaxes, segue a ser necesario presentarse ás oposicións.

    Desde CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UGT-SP defendemos esta medida baseándonos en argumentos sólidos que benefician ao conxunto do profesorado e do sistema educativo:

    1.- Optimización dos tribunais de oposición e redución da carga burocrática e organizativa: a asistencia masiva e por mero trámite aos procesos selectivos xeraba unha sobrecarga de xestión para os tribunais. Agora, estes poderán centrarse nas persoas opositoras que opten realmente a obter praza, axilizando a loxística e os tempos e reducindo o número de reclamacións e incidencias durante o proceso e tamén posteriormente.

    2.- Repartición de prazas máis xusta: corríxense situacións inxustas como que un tribunal recibira máis prazas ca outro, só polo feito de ter maior número de persoas presentadas, ao obrigar a persoal interino e substituto a presentarse para non decaer das listas

    3.- Facilitación da conciliación e a loxística familiar: a medida pon fin aos desprazamentos obrigatorios motivados unicamente por un trámite administrativo. Ao eliminar a participación forzosa, permítese que o persoal interino e substituto poida organizar a súa vida familiar e os seus tempos de conciliación con maior liberdade, evitando viaxes innecesarias que non achegan valor ao proceso selectivo e respectando a autonomía de cada docente para planificar o seu calendario de oposicións.

    4.- Seguridade xurídica e estabilidade: adaptamos as listaxes de interinidade e substitucións a un modelo de xestión máis avanzado e eficiente, garantindo que a permanencia en listaxes do persoal docente quede debidamente acreditada polo seu traballo efectivo, sempre tendo en conta as causas e número de renuncias xustificadas.

    Este logro é un paso máis na mellora das condicións laborais do persoal interino e substituto, un colectivo esencial para a calidade do sistema educativo público galego. Seguiremos traballando para que o resto dos puntos do acordo blinden os vosos dereitos e recoñezan o voso labor.

    Desde CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UGT-SP manterémosvos informados detalladamente unha vez se proceda á sinatura definitiva desta nova addenda ao acordo para as condicións de traballo do persoal interino e substituto e se publique o texto íntegro no DOG.