Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

SOS Sanidade Pública chama a defender o dereito á saúde nunha manifestación o 1 de febreiro en Santiago

    A mobilización, apoiada por CCOO, busca parar a destrución e privatización do sistema sanitario público que está a executar o Partido Popular

    21/01/2026.
    Rolda de prensa de presentación, este mércores.

    Rolda de prensa de presentación, este mércores.

    Baixo o lema «Mobilízate para defender o teu dereito á saúde», a plataforma SOS Sanidade Pública convoca para o domingo 1 de febreiro unha manifestación en Santiago de Compostela contra a destrución e privatización do sistema sanitario público que está a executar o Partido Popular. A marcha partirá da Alameda e rematará na praza do Obradoiro.

    A mobilización, que estará amenizada por Isabel Risco e contará coa actuación musical do grupo De Ninghures, foi presentada este mércores no Centro Sociocultural das Fontiñas. Asistiron ao acto CCOO, BNG, Podemos e a CIG, así como o voceiro da plataforma a nivel nacional, Manuel Marín, e representantes das plataformas da Coruña, Santiago, Sanxenxo, Pontevedra e Catoira.

    SOS Sanidade Pública considera que a destrución e privatización do sistema sanitario público que está facendo o PP en Galicia presenta a disxuntiva de mobilizarse ou deixar que o colapso dun servizo esencial continúe.

    Esta situación crítica obsérvase acotío con listas de agarda interminables; acceso imposible aos centros de saúde e PAC; colapso dos servizos de Urxencias; hospitais comarcais desmantelados; falta de profesionais e recursos; desviación de miles de pacientes e cartos aos hospitais privados; crecemento exponencial dos seguros privados, que non cobren a maior parte das enfermidades; etc.

    Por todo isto e moito máis, chamamos a mobilizarse con SOS Sanidade Pública de Galicia para dicirlle ao PP como está a sanidade real no país.