Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

CCOO desmente que vaia denunciar persoal do Concello do Grove por facer horas extra

    O conflito colectivo que promoverá o sindicato busca desbloquear a negociación da RPT e reclamar o cumprimento dos dereitos laborais recoñecidos

    22/01/2026.
    Protesta dos venres ante o Concello do Grove.

    Protesta dos venres ante o Concello do Grove.

    Comisións Obreiras no Concello do Grove, no seu labor de representante das persoas traballadoras municipais, quere trasladar á opinión pública, aos medios de comunicación e ao conxunto do persoal municipal a seguinte información relevante sobre a situación actual das relacións laborais e da negociación colectiva.

    1. Queremos poñer de manifesto que, a día de hoxe, continúa bloqueada a negociación da relación de postos de traballo (RPT) no Concello do Grove, circunstancia que vimos denunciando publicamente e de forma reiterada dende hai meses. Malia as nosas demandas e propostas de diálogo, a corporación municipal persiste na súa negativa a convocar a mesa de negociación e segue sen fixar ningunha reunión que permita abordar os problemas estruturais de persoal: cobertura de postos, aplicación da suba salarial aprobada polo Goberno, estabilización de emprego, necesidades vitais para o concello como poden ser en cultura e xestión de persoal...

    Esta falta de vontade negociadora impide calquera avance nas condicións laborais e na adaptación da estrutura municipal ás necesidades da cidadanía e do propio persoal.

    2. Comisións Obreiras, no exercicio das súas funcións constitucionais e legais de defensa dos dereitos e intereses das traballadoras e traballadores municipais, continúa mantendo mobilizacións lexítimas e pacíficas. Así, todos os venres, dende o pasado mes de decembro, realizamos concentracións diante do Concello en horario laboral para manifestar de maneira pública e responsable o descontento do colectivo municipal e esixir solucións polo actual estancamento.

    Neste tempo, todos os colectivos profesionais representados por Comisións Obreiras estiveron debidamente informados de cada acción sindical e dos seus obxectivos.

    Así mesmo, debemos informar de que existe unha grave situación que afecta a algún colectivo de traballadores e traballadoras municipais, pois a día de hoxe aínda non percibiron os atrasos salariais correspondentes ao exercicio 2025, atrasos aprobados polo Goberno e que percibiu case a totalidade do persoal. Esta demora supón un prexuízo inxustificado para os dereitos económicos recoñecidos do persoal e engade tensión ao actual clima laboral, xa afectado polo bloqueo na negociación.

    3. En relación coas recentes informacións publicadas nun medio de comunicación, nas que se lle atribúe falsamente a Comisións Obreiras a suposta intención de «denunciar o persoal por facer horas extra», queremos desmentir rotundamente esa acusación, xa que carece de calquera fundamento obxectivo ou documental. Nin se promoveu, nin se está a perseguir denuncia ningunha desa natureza. Reiteramos o noso rexeitamento ao uso de manifestacións que non se axustan á verdade e que só buscan confundir a opinión pública e danar a imaxe e o labor sindical lexítimo da nosa organización.

    Esiximos que calquera medio de comunicación actúe con responsabilidade e contraste as súas informacións, identificando as súas fontes. As afirmacións xenéricas de que «traballadores se senten presionados» non corresponden á realidade nin foron comprobadas con esta organización sindical, cuxo único obxectivo foi sempre a defensa colectiva dos dereitos do persoal municipal e a mellora das súas condicións laborais dende o diálogo social e o respecto á legalidade vixente.

    4. Comisións Obreiras tamén quere aclarar que, conforme permite a legalidade e a función representativa, o conflito colectivo que promoverá o sindicato busca desbloquear a negociación da RPT e reclamar o cumprimento dos dereitos laborais recoñecidos ao cadro de persoal. Neste proceso, tal e como recolle a normativa vixente, solicitarase que respondan aqueles responsables xurídicos ou políticos que, por acción ou omisión, poidan estar obstaculizando inxustificadamente o avance da negociación, sempre con total respecto aos procedementos e garantías legais.

    Reiteramos, finalmente, o noso compromiso coa transparencia, co respecto e coa legalidade, convidando a corporación a retomar o diálogo negociador e aos medios informativos a cumprir coa súa función de forma veraz e contrastada. Comisións Obreiras seguirá informando puntualmente o cadro de persoal e A cidadanía sobre calquera avance relevante.