Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO defende unha negociación ao amparo do Consello Galego de Relacións Laborais, despois de mes e medio de conflito no transporte de viaxeiros da Coruña

    Dende o Sector de Estrada e Loxística rexéitase rotundamente todo tipo de violencia contra as persoas traballadoras e usuarias dos autobuses

    23/01/2026.
    Manifstación este venres, 9 de xaneiro, na intermodal de Santiago.

    Manifstación este venres, 9 de xaneiro, na intermodal de Santiago.

    Despois de celebrar unha xuntanza coas persoas afiliadas e representantes das persoas traballadoras do transporte de viaxeiros por estrada da provincia da Coruña, dende o sector de Estrada e Loxística de Galicia da FSC de CCOO deféndese a continuidade das negociacións ao amparo do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), tal como se reflicte no convenio colectivo vixente na súa disposición adicional primeira. A próxima reunión está prevista o vindeiro luns, día 26 de xaneiro.

    Tamén defendemos o dereito a folga que teñen as persoas traballadoras, recoñecido na Constitución española, que permite interromper a actividade para defender os seus dereitos colectivos, á parte de ser unha ferramenta clave para a mellora das condicións laborais.

    O sector lamenta os prexuízos causados a todas as persoas usuarias destes servizos e pide a súa comprensión e apoio ás traballadoras e traballadores para que consigan as melloras solicitadas e poidan prestar un servizo adecuado, garantindo a máxima seguridade para todos.

    Dende o Sector de Estrada e Loxística de CCOO de Galicia rexéitase rotundamente todo tipo de violencia contra as persoas traballadoras e usuarias dos autobuses, así como a rotura dos vehículos, que son a ferramenta de traballo. Sobre todo, expresamos o noso rexeitamento contra os ataques en marcha, que poden causar accidentes e danos as persoas traballadoras, usuarias e demais poboación.