Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

CCOO salienta que todo o emprego neto creado en 2025 en Galicia foi indefinido, con 27 100 postos xerados

    O paro acada o seu rexistro máis baixo nas últimas décadas, pero o sindicato avisa de que a taxa de actividade galega segue cinco puntos por debaixo da estatal

    27/01/2026.
    EPA definitiva do 2025.

    EPA definitiva do 2025.

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia salienta os datos positivos da enquisa de poboación activa (EPA), coñecidos hoxe, que revelan un importante crecemento do emprego no último ano. Como principais puntos fortes están a creación de 33 700 empregos (+2,92 %), a redución do paro en 2500 persoas (–2,28 %), o peso do emprego a tempo completo e indefinido. Con estas cifras, a poboación ocupada sitúase en 1 186 900 persoas e o paro en 106 900, o rexistro máis baixo nas últimas décadas.

    Así mesmo, creáronse no último ano 27 100 postos de traballo asalariados, sendo indefinido todo o emprego neto creado: 51 900 indefinidos fronte á perda de 24 800 temporais. Isto deixa a taxa de precariedade no 12,9 %.

    Por outra banda, a taxa de actividade galega segue case cinco puntos por baixo da estatal e hai oito comunidades autónomas onde medra máis o emprego ca no caso galego.

    Análise dos datos

    A EPA do cuarto trimestre do ano en Galicia reflicte a creación de 33 470 empregos e a redución do desemprego en 2500 persoas. O emprego medra en Galicia un 2,92 %, fronte a un 2,77 % no Estado. Pola contra, o desemprego cae un –2,28 % e en España un –4,56 % respecto do ano anterior.

    A ocupación masculina aumenta en 1600 postos de traballo, mentres que a feminina o fai en 32 100. Dito doutro xeito, de cada 100 persoas con emprego, 50 son mulleres. Ademais, os empregos creados son a xornada completa porque se frean 34 700 e se perden 900 a tempo parcial, o que sitúa a taxa de parcialidade no 13,8 %.

    No cuarto trimestre de 2025 hai 106 900 persoas en desemprego en Galicia, segundo a EPA. Son 2500 menos que no ano anterior. O desemprego masculino sobe en 3300 persoas mentres que o feminino baixa en –5800. A pesar da boa evolución do emprego feminino, de cada 100 persoas paradas, 51 son mulleres.

    Por sectores, pérdese emprego no primario (–2700 persoas ocupadas) e na industria (–1200); na construción hai 1400 empregos máis e 36 300 nos servizos. Na desagregación por ramas de actividade, a maior creación de emprego prodúcese nas Administracións públicas (+24 000 persoas ocupadas), nas actividades profesionais, científicas, técnicas e administrativas (+15 000); no comercio (+6000) e na industria non manufactureira (+2000).

    O saldo do emprego asalariado no último ano é de 27 100 persoas ocupadas asalariadas máis, resultado do aumento de 51 800 empregos asalariados indefinidos e da perda de 24 800 temporais. Creáronse 16 000 empregos asalariados no sector público e 11 100 no sector privado. No público cae o emprego temporal en 14 000 ocupacións e o indefinido medra en 30 000; mentres, no privado creáronse 21 900 indefinidos e perdéronse 10 800 temporais.