Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

Unha sentenza do Supremo abre o camiño a políticas públicas de vivenda máis ambiciosas contra subas abusivas de prezos

    Amelia Pérez reclámalle á Xunta «a adopción de medidas eficaces contra a especulación inmobiliaria, co obxectivo de garantir que o alugueiro sexa accesible, estable e sostible»

    27/01/2026.
    Mobilización en Santiago de Compostela pola vivenda digna (5/4/2025).

    Mobilización en Santiago de Compostela pola vivenda digna (5/4/2025).

    Comisións Obreiras destaca o importante avance da sentenza do Tribunal Supremo n.º 10/2026, do pasado 14 de xaneiro, na que se avalan os límites anuais do 2 % e o 3 % á actualización das rendas da vivenda en alugueiro entre os anos 2022 e 2024. Estes topes foron establecidos polo Goberno central co obxectivo de protexer as persoas inquilinas fronte a subas abusivas nun contexto extraordinario de inflación.

    O Tribunal Supremo reafirma, nesta sentenza, que a función social da vivenda pode prevalecer sobre o exercicio individual do dereito de propiedade cando concorren razóns de interese xeral, sen que iso supoña unha expropiación nin a anulación do devandito dereito. É dicir, ante circunstancias excepcionais que afectan a un dereito fundamental como é o acceso á vivenda, as Administracións públicas están lexitimadas para adoptar decisións políticas orientadas a protexer a cidadanía, neste caso as persoas inquilinas.

    Impacto no mercado da vivenda en Galicia

    A sentenza confirma que as Administracións poden intervir no mercado do alugueiro en situacións de emerxencia habitacional. En Galicia, isto reforza a necesidade de que a Xunta e os concellos adopten máis medidas (como foi a declaración da Coruña como zona tensionada).

    A sentenza do Supremo non regula directamente o alugueiro turístico, pero ten efectos colaterais importantes que os Gobernos deben previr:

    • A limitación das rendas (2-3 %) fronte ao IPC real (que superou o 10 % en 2022) converte o alugueiro turístico nunha alternativa moito máis rendible para os propietarios, polo que pode estar a darse unha fuga de oferta desde o alugueiro residencial ao turístico.

    • A sentenza pode acelerar a conversión de vivendas residenciais en turísticas, se os Gobernos con competencias na materia non toman medidas urxentes, especialmente en cidades como Santiago de Compostela (Patrimonio da Humanidade, Camiño de Santiago, Ano Santo 2027), A Coruña (zona tensionada con alta demanda), Vigo (crecemento turístico sostido), zonas costeiras e praias.

    Riscos de saturación turística

    Aínda que a xustiza acaba de reafirmar a función social da vivenda, pode chegar a prevalecer sobre o exercicio individual do dereito de propiedade no caso de concorrer razóns de interese xeral. En Galicia, a tendencia de redución do parque de vivendas para residencia habitual é preocupante ante a impasibilidade dos poderes públicos.

    A Xunta de Galicia e os concellos non están a implementar mecanismos para compensar esta tendencia, e isto xa produce un efecto perverso: a fuga de oferta cara ao alugueiro turístico, non suxeito a topes.

    CCOO vén propoñendo o aumento do parque público, limitar os prezos do alugueiro e establecer moratorias en desafiuzamentos para fogares vulnerables, así como revisar a fiscalización sobre vivendas desocupadas ou adquiridas por estranxeiros non residentes na UE.

    Amelia Peréz, secretaria xeral de CCOO de Galicia, considera que «aínda que a sentenza supón un avance relevante ao recoñecer a función social da vivenda, non establece un control estrutural e permanente dos prezos do alugueiro, senón que avala unha medida temporal e excepcional, vinculada a un contexto económico concreto».

    Aínda así, a sindicalista espera «que esta sentenza abra un camiño a políticas públicas de vivenda máis ambiciosas, baseadas na limitación dos prezos e das subas abusivas», e insta a Xunta de Galicia ao «incremento do parque público de vivenda, a rehabilitación do parque existente e a adopción de medidas eficaces contra a especulación inmobiliaria, co obxectivo de garantir que o alugueiro sexa accesible, estable e sostible para a maioría social».