Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

O cadro de persoal de Bidafarma en Santiago protesta polo desvío de traballo a outros centros

    CCOO tamén denuncia a inseguridade laboral na quenda da fin de semana pola falta de mantemento

    28/01/2026.
    Protesta este mércores, 28 de xaneiro de 2026, en Bidafarma.

    Protesta este mércores, 28 de xaneiro de 2026, en Bidafarma.

    O cadro de persoal da planta de Bidafarma en Santiago de Compostela, convocado por CCOO, realizou este mércores a primeira dunha serie de protestas programadas para as próximas semanas co fin de denunciar que a dirección da empresa está a desviar carga de traballo a outros centros, o que xera incerteza entre as persoas traballadoras sobre o seu futuro laboral.

    CCOO sinala que o xerente de operacións de Galicia de Bidafarma está a trasladar liñas de despacho cara a outros almacéns, unha operativa que fai temer unha perda de man de obra no centro de traballo de Santiago. Ademais, a representación das persoas traballadoras —conformada por dous delegados e unha delegada, todos de Comisións— non está a recibir información ningunha sobre estas decisións.

    Desde o sindicato critican que non se están a cubrir as vacantes, nin as xubilacións, nin as vacacións, mentres que as gardas da fin de semana sofren un exceso de traballo. Ao tempo, durante os sábados e os domingos tamén se produce unha falta de mantemento, que só se fai de luns a venres, unha situación denunciada desde hai tempo pola representación sindical. Isto está a repercutir xa na saúde laboral do persoal, con algúns accidentes de traballo que debían evitarse.

    Amais, tamén se están a producir problemas á hora de autorizar permisos recollidos no convenio. Por todos estes motivos, CCOO chama a repetir a protesta na hora do bocadillo todos os mércores do vindeiro mes de febreiro.