Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

CCOO ameaza con mobilizacións ante o intento de Correos de aplicar unha reestruturación do modelo de repartición sen negociación e con recorte de persoal

    O chamado «Novo Modelo Operativo» non busca eficiencia operativa nin mellorar o servizo público, senón aforrar custos para arranxar as contas da empresa

    29/01/2026.
    Contra a precarización do servizo de Correos.

    Contra a precarización do servizo de Correos.

    CCOO denuncia que a proba piloto que Correos pretende implantar na provincia de Pontevedra non é un experimento illado, senón a antesala dun cambio estrutural deseñado no ámbito estatal pola Presidencia e a Dirección da empresa para aplicalo en todas as carterías, unhas 2500 en todo o país, con graves consecuencias laborais e de servizo público.

    O sindicato lembra que estas probas piloto fan parte dun plan estatal deliberadamente oculto, estruturado en ata cinco fases, cuxa primeira etapa pretende implantar 71 «probas piloto» en todo o país, das cales catro se concentran na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta distribución non é casual e evidencia que o equipo que dirixe Pedro Saura, baixo a coartada dunha suposta fase experimental, está tratando de estender, posteriormente, este modelo ao conxunto das preto de 2500 carterías do país.

    En Pontevedra, CCOO advirte que a proba piloto anunciada é só o primeiro paso dun proceso de implantación xeneralizada que afectará a todas as carterías da provincia, un total de 34 con impacto directo sobre 700 carteiros/as. Este modelo alterará percorridos, quendas, centros de traballo e condicións laborais, e provocará unha grave desorde na prestación do servizo postal público, con prexuízos evidentes para a cidadanía, as empresas e as institucións.

    Un modelo imposto desde arriba

    CCOO denuncia que o denominado «novo modelo operativo» estase a impoñer de xeito unilateral e opaco, mediante probas piloto aplicadas de facto e de costas á negociación colectiva, sen documentación previa nin memoria xustificativa e sen avaliar as súas consecuencias reais sobre o emprego, a saúde laboral, a conciliación e a igualdade. Ademais, introduce percorridos diarios variables impostos por algoritmos e normaliza a non cobertura de ausencias, implantando unha política de contratación «cero» que traslada a carga de traballo ao persoal existente, agravando un axuste de emprego que xa é insostible.

    «Isto non vai de modernización nin de eficiencia, vai de aforro de custos, recorte de emprego e precarización do traballo de repartición e do servizo público», denuncia CCOO, que alerta de que esta reorganización vén acompañada de peches e concentracións de centros, con traslados forzosos, mobilidade xeográfica e cambios de quenda e xornada, especialmente cara á tarde.

    Impacto directo no emprego, a saúde laboral e o servizo público

    O sindicato advirte de que este modelo provocará unha sobrecarga laboral insostible, a cronicidade da non cobertura de ausencias e o aumento das cargas e os percorridos de repartición, con efectos directos sobre a saúde laboral do persoal, incrementando o estrés, a ansiedade e a sinistralidade, amais de agravar uns niveis de absentismo xa elevados.

    CCOO subliña que as consecuencias non se limitarán ao cadro de persoal, senón que a cidadanía, as empresas e as institucións verán deteriorarse de forma significativa a calidade do servizo postal público, con atrasos na repartición, acumulación de correspondencia e perda de presenza territorial de Correos.

    Esixencia de paralización e advertencia de mobilización

    Ante esta situación, CCOO esixe a paralización inmediata de todas as probas piloto, a apertura dunha negociación estatal real e que se demostre que o modelo actual de repartición non é válido. Mentres non se constate o contrario, CCOO defende que o modelo vixente é o que debe mellorarse, tal e como recolle o espírito do acordo marco asinado en 2024, acabando cos recortes, reforzando o cadro de persoal coa contratación suficiente e convocando a oferta de emprego público que Saura, nomeado por un partido progresista, bloquea desde hai dous anos.

    O sindicato reclama ademais que se poñan enriba da mesa o Plan de Incentivos e a redución da xornada a 35 horas, compromisos pendentes que a empresa segue incumprindo.

    CCOO advirte que, se Saura persiste nesta deriva e tenta impoñer a reconversión sen negociación, activará a vía xudicial e a mobilización sindical fronte aos incumprimentos dos acordos e a imposición dunha reestruturación salvaxe, con graves riscos para o emprego, o servizo postal público e o propio funcionamento da repartición en todo o país, nun horizonte de ano e medio, ata xuño de 2027, atravesado por procesos electorais clave.