Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

Maica Bouza: «A sanidade pública galega vai a peor, as urxencias colapsaron coma nunca pola falta de recursos en primaria»

    A representante de CCOO explica as razóns polas que cómpre mobilizarse en Santiago para defender o dereito á saúde da cidadanía

    30/01/2026.
    Representantes de CCOO, na manifestación de 2025.

    Representantes de CCOO, na manifestación de 2025.

    SOS Sanidade Pública quere demostrar este domingo nas rúas de Santiago o rexeitamento masivo ás políticas sanitarias da Xunta. CCOO de Galicia é parte activa desta plataforma e quere mobilizar a súa afiliación e a cidadanía en xeral para, unha vez máis, deixarlle claro ao PP que non se lle vai permitir que xogue co dereito á saúde da xente. A secretaria de Organización do sindicato, Maica Bouza, debulla as motivacións desta protesta.

    A plataforma SOS Sanidade Pública manifestouse en Santiago en abril do ano pasado con reivindicacións semellantes ás da mobilización prevista para este domingo. A situación foi a peor?

    Si, significativamente a peor. As listas de agarda incrementáronse en vez de reducirse, as urxencias colapsaron coma nunca pola falta de recursos na atención primaria, o recorte nos orzamentos impide ter o persoal necesario, hai unha maior derivación de pacientes á privada...

    Como se leva a cabo esa privatización?

    Para resolver os problemas de falta de medios, e de paso favorecer os intereses do sector privado, a Xunta deriva aos centros privados atención que podería e debería prestarse nos centros públicos, gastando ademais inxentes cantidades de cartos. Fan como os malos xestores: baleiran de contido os centro públicos para xustificar a súa ineficiencia e o transvasamento de recursos públicos a mans privadas.

    En que se concreta o desmantelamento do que fala a plataforma?

    No que xa diciamos e nalgunha cousa máis. Por exemplo, non hai servizos de pediatría na maioría dos centros de saúde, con especial afectación ás zonas rurais; a falta de persoal fai que o acceso aos centros de saúde sexa imposible; os hospitais comarcais están baleirados.

    Os problemas na atención primaria percorren o país de punta a punta, desde o sur de Pontevedra ata A Mariña. Que está a ocorrer?

    Non hai orzamento para atención primaria e sen el non hai persoal nin medios; as e os profesionais están desbordados. As prazas baleiras tradúcense en listas de agarda ou en saturación das urxencias cando tes un problema de saúde e non hai cita ata quince días despois.

    Que solucións propoñen os colectivos integrantes da plataforma para mellorar o acceso á primaria?

    Máis orzamentos para recursos humanos e materiais e menos para gasto farmacéutico, ata destinar o 25 % de orzamento sanitario total, como din as recomendacións da OMS. Cómpre impulsar a atención primaria, promovendo a atención comunitaria, a prevención e promoción da saúde pública e mellorando a coordinación e cooperación entre os diferentes niveis asistenciais.

    A plataforma critica a orientación «hospitalo-céntrica» na política sanitaria do Sergas. Porén, tamén denuncia a situación nos hospitais, coas urxencias colapsadas nas últimas semanas e listas de agarda disparadas para as especialidades. Que incidencia teñen estas demoras na cuestión das baixas médicas no ámbito laboral?

    Como diciamos, a saturación das urxencias vén dada, fundamentalmente, pola demora nas citas de atención primaria. O problema da medida das listas de agarda é complexo porque non se ten en conta todo o tempo que pasa desde que te atenden en atención primaria ata que un especialista determina cales son as túas necesidades de atención. Se sumaramos todos estes tempos —por exemplo, consulta inicial, probas diagnósticas, cirurxía, etc.—, explicaríase con moita claridade un dos múltiples factores que inflúen nas baixas médicas.

    Quen son os máis prexudicados polas políticas sanitarias do PP?

    Prexudicada é a cidadanía galega pero, sobre todo, as persoas máis vulnerables, menores e maiores, e as residentes en zonas rurais.