Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

Milleiros de persoas mobilízanse en Santiago para reclamar o dereito á saúde e claman contra a privatización

    CCOO participou na masiva manifestación convocada por SOS Sanidade Pública

    02/02/2026.
    Representantes de CCOO na manifestación deste domingo.

    Representantes de CCOO na manifestación deste domingo.

    Milleiros de persoas encheron este domingo as rúas de Santiago de Compostela para reclamar o dereito á saúde e para esixirlle á Xunta do PP que paralice o proceso de privatización da sanidade e deteña o desmantelamento do sistema público.

    Convocada pola plataforma cidadá SOS Sanidade Pública, da que CCOO de Galicia forma parte, a marcha percorreu a capital galega, dende a Alameda ata a praza do Obradoiro. Malia a chuvia, foron milleiros as persoas manifestantes, moitas chegadas desde todo o país. Porque a nefasta situación da atención primaria, un dos temas centrais da reivindicación, afecta por igual a numerosas comarcas galegas.

    De feito, unha das esixencias dos e das manifestantes foi o acceso libre e sen demoras á atención primaria, dedicándolle o 25 % do orzamento total en materia sanitaria, tal e como aconsella a Organización Mundial da Saúde (OMS). Tamén se incidiu no colapso que viven as urxencias, ademais das listas de agarda disparadas para as distintas especialidades.

    CCOO mobilizou a súa afiliación para sumar máis voces á protesta e tamén participou unha importante representación dos seus cargos, coa secretaria xeral, Amelia Pérez, á cabeza.

    A plataforma propuxo unha batería de 15 medidas para afrontar a situación de crise do sistema sanitario público:

    1. Incrementar o orzamento sanitario, especialmente na atención primaria, ata o 25 % do total que indica a Organización Mundial da Saúde (OMS), garantindo que na contabilidade deste incremento non se compute o gasto farmacéutico nin o custo do sector privado racionalizado.

    2. Acabar coa derivación sistemática de pacientes aos centros concertados privados, nos que máis da metade dos seus ingresos vén dos orzamentos sanitarios públicos (os centros non concertados tamén reciben cartos públicos, que aumentaron un 40 % nos últimos anos). A privada parasita a sanidade pública, xa que os recursos económicos dos centros privados detráense dos que lles corresponderían a hospitais públicos.

    3. Incrementar o persoal de medicina familiar, pediatría e enfermaría; incorporar aos equipos sanitarios novas categorías profesionais necesarias para dar unha atención integral: psicoloxía clínica, fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, podoloxía, traballo social, atención temperá, nutrición, hixiene bucodental…

    4. Aumentar as prazas de formación do persoal; acreditar novos centros para a docencia; priorizar as consultas presenciais nos centros sanitarios; acabar coas listas de agarda nos centros de saúde; abrir os centros de saúde pechados, crear novos e mellorar a súa dotación e equipamento. O control e coordinación dos procesos asistenciais debe facerse desde a atención primaria.

    5. Reintegrar o servizo de ambulancias ao sistema público; aumentar a súa dotación para cubrir os servizos mínimos de persoal e equipamento. Aumentar o número de ambulancias asistenciais e medicalizadas, que na actualidade non chega para cubrir a demanda. Mellorar as condicións laborais do persoal.

    6. Implementar un plan urxente para racionalizar as listas de agarda hospitalarias, poñendo de novo a funcionar a pleno rendemento os centros sanitarios públicos: reabrir as camas hospitalarias clausuradas e os servizos pechados dos hospitais comarcais.

    7. Garantir a atención médica e o control da saúde das persoas incluídas no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) desde a sanidade pública, sendo os referentes os centros de atención primaria, dotados adecuadamente, en coordinación cos servizos sociais. Asegurar que as persoas maiores e as persoas con discapacidade, sobre todo aquelas que viven en residencias, non sofren restricións ou marxinacións vergoñentas no acceso aos especialistas nin nas derivacións hospitalarias.

    8. Reintegrar ao sistema público os servizos privatizados: Información, Historia Clínica, Receita Electrónica, Central de Chamadas, Loxística, Investigación, Docencia. Restituír o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para o sistema público, incrementar os seus recursos para acabar co «concerto singular» de Povisa e garantir así a asistencia hospitalaria pública a toda a poboación.

    9. Elaborar de forma consensuada un plan de saúde mental que dote o Sistema Sanitario Público Galego de recursos e de persoal idóneo e que garanta a presenza de profesionais de saúde mental na atención primaria.

    10. Eliminar a inestabilidade e precariedade laboral no sistema público e implementar unha política xusta e incentivadora. Recuperar a dedicación exclusiva do persoal médico que traballa na sanidade pública e a esixencia da acreditación especializada ao novo persoal contratado.

    11. Convocar concursos públicos transparentes e abertos para cubrir os cargos de xestión do sistema público e erradicar as prácticas de clientelismo e nepotismo, para así rematar cos conflitos de intereses familiares e/ou profesionais.

    12. Recuperar as xerencias de atención primaria e dotalas de capacidade resolutiva e orzamento propio. Transformar as áreas sanitarias para recuperar a necesaria coordinación e xestión integrada da atención primaria, hospitalaria, saúde pública e atención á dependencia.

    13. Reorientar o sistema ao «modelo comunitario e participativo», para garantir unha atención integral que actúe eficazmente sobre os determinantes que inciden na saúde.

    14. Desmedicalizar o sistema e acabar co uso irracional e abusivo dos fármacos e das novas tecnoloxías, e poñer o eixe na atención primaria.

    15. Desburocratizar o sistema sanitario. Recuperar os Consellos de Saúde de Área Sanitaria e o Consello de Saúde de Galicia.