Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

CCOO denuncia que os beneficios récord de Caixabank se traducen en «máis presión e nulo recoñecemento»

    Representantes sindicais concentráronse nunha sucursal da Coruña para esixir que os resultados redunden no persoal

    04/02/2026.
    Protesta ante un Caixabank da Coruña, o martes 3 de febreiro de 2026.

    Protesta ante un Caixabank da Coruña, o martes 3 de febreiro de 2026.

    Representantes sindicais de CCOO de Galicia uníronse este martes ás concentracións convocadas en todo o Estado para dicirlle «basta xa» a Caixabank e reclamarlle que os beneficios históricos que está a obter redunden en melloras para o cadro de persoal. A protesta realizouse na Coruña, na sucursal con enderezo na rúa Corcubión, 21.

    Mentres o banco anuncia un novo récord de beneficios, o cadro de persoal ten que asumir en 2026 máis obxectivos, máis presión comercial e máis esixencias, sen que iso se traduza en mellores salarios nin incentivos. «As persoas traballadoras sosteñen estes resultados e merecen recoñecemento, respecto e unhas condicións laborais xustas», aseverou o representante de CCOO Juan Morais.

    Os datos económicos presentados pola entidade reflicten que, ao peche de 2025, se alcanzou un beneficio neto histórico de 5891 millóns de euros, o que supón un incremento do 1,8 % con respecto a 2024. Así mesmo, o dividendo repartido ascendeu a 3255 millóns de euros, cun aumento do 15 % na retribución aos accionistas, mentres que o bonus do conselleiro delegado se incrementou un 47 % no último exercicio.

    Desde CCOO Servizos, sindicato maioritario no sector financeiro, denunciamos que este modelo, baseado principalmente en engordar a conta de beneficios e crónico desde hai anos, non é sustentable nin xusto. Por iso reivindicamos a apertura inmediata dunha mesa de diálogo que aborde o sistema de retribución variable, unha paga de beneficios e medidas reais para mellorar o clima laboral.

    Centos de delegados e delegadas de CCOO participaron nas concentracións deste martes en toda España para seguir denunciando a situación insostible dos cadros de persoal.