Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

O comercio do metal de Pontevedra concentrarase o 17 de febreiro para esixirlle á patronal que volva á negociación

    As propostas empresariais son «inasumibles» e supoñen «unha perda salarial directa»

    04/02/2026.
    Representantes sindicais, na concentración do luns.

    Representantes sindicais, na concentración do luns.

    As tres centrais sindicais na mesa do convenio do comercio do metal da provincia de Pontevedra —CCOO, UGT e CIG— mobilizaranse o próximo 17 de febreiro para esixirlle á patronal que volva sentar para poder rematar unha negociación «que se está alongando demasiado».

    Os sindicatos reclaman que se retiren de inmediato as pretensións empresariais: «Son inasumibles e, de ser aceptadas, producirían un retroceso moi grande neste convenio». A patronal quere eliminar o complemento de incapacidade temporal e que se permita a compensación e absorción das melloras voluntarias concedidas polas empresas. Son dúas medidas que suporían unha perda directa no salario de moitas persoas traballadoras deste sector.

    A decisión de organizar esta nova mobilización tomouse o pasado luns, 2 de febreiro, logo de que os tres sindicatos convocaran unha concentración no hotel Coia de Vigo, onde estaba prevista a mesa para o convenio da industria do metal; nesta negociación está representada a patronal ATRA, que ao tempo está tamén na mesa do comercio do metal.

    A parte empresarial do convenio da industria, ao coñecer a concentración, decidiu suspender a súa reunión, o que supuxo a protesta contundente da parte social. Mediante un escrito, esixiu a inmediata convocatoria doutra reunión, que se celebrará finalmente o 10 de febreiro.