Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 3 Abril 2026.

CCOO denuncia «desleixo extremo» e risco para a seguridade na residencia de Mondoñedo xestionada por Mensajeros de la Paz

    Instalacións sen electricidade nin auga quente, ascensores precintados por risco de electrocución e o uso de zonas non autorizadas marcan a vida cotiá de residentes e persoal

    06/02/2026.
    Entrada da residencia de Mondoñedo.

    Entrada da residencia de Mondoñedo.

    Persoal e familiares da residencia de maiores de Mondoñedo, xestionada pola organización Mensajeros de la Paz, denuncian unha situación de «desleixo absoluto» que pon en grave perigo a seguridade física das persoas residentes e mais das traballadoras. A falta de mantemento e a ausencia dunha xestión responsable converteron o centro nun espazo que non cumpre cos estándares mínimos de habitabilidade e seguridade.

    A situación máis crítica atópase nas subministracións básicas. Actualmente, o centro ten baños sen iluminación e cuartos sen auga quente, o que obriga os residentes a vivir en condicións indignas.

    Ademais, un dos ascensores principais foi precintado debido a filtracións de auga que persistiron durante un ano sen intervención ningunha. O peche, finalmente, produciuse ante o risco inminente de electrocución, pero esta medida, lonxe de solucionar o problema, desencadeou un caos loxístico na residencia.

    En primeiro lugar, o precinto derivou nunha masificación en plantas non autorizadas. Para compensar a falta de ascensor, os residentes do segundo andar foron trasladados a unha zona do edificio que permanece pechada pola Xunta de Galicia por non cumprir a normativa vixente.

    Ademais, as persoas traballadoras vense obrigadas a facer un esforzo físico extremo, xa que a lavandería, situada no soto, foi illada, de xeito que teñen que levar os carros de roupa polas escaleiras.

    Intervención das autoridades

    A maiores, a falta dese ascensor provoca riscos durante a mobilización de residentes. O guindastre de bipedestación debe cargarse manualmente polas escaleiras para atender as persoas usuarias. Na súa falta, as mobilizacións realízanse sen asistencia técnica, co consecuente risco de lesións para o persoal e caídas para as persoas maiores.

    O único ascensor operativo está nun estado avanzado de oxidación e as súas dimensións reducidas impiden o traslado de moitas das cadeiras de rodas, limitando drasticamente a mobilidade das persoas usuarias.

    O persoal denuncia que esta situación é froito da desidia dunha xerencia que raramente se presenta ao traballo e dunha empresa que ignora as advertencias de seguridade. Os afectados esixen a intervención inmediata das autoridades competentes para garantir o cumprimento da lei de dependencia e os dereitos humanos básicos dos residentes.