Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

Desconovocada a folga de trens: CCOO alcanza un acordo que reforza a seguridade, o emprego e o futuro do ferrocarril

    Froito da presión exercida pola mobilización, do traballo sindical sostido e da unidade das persoas traballadoras, asinamos un acordo que recolle as nosas principais reivindicacións e nos permite desconvocar as xornadas de folga dos días 10 e 11 de febreiro

    10/02/2026.
    Concentración do sector Ferroviario de FSC-CCOO e o resto de organizacións do ámbito por un ferrocarril seguro, fiable, sostible e social.

    Concentración do sector Ferroviario de FSC-CCOO e o resto de organizacións do ámbito por un ferrocarril seguro, fiable, sostible e social.

    Logo dunha nova e intensa reunión no Ministerio de Transportes, desde CCOO queremos informar de que alcanzamos un acordo que permite a desconvocatoria da folga, ao se recoller de maneira clara e concreta as principais reivindicacións que viñamos defendendo.

    Este acordo é o resultado directo da presión exercida pola mobilización, da unidade dos cadros de persoal e do traballo sindical sostido. Nada do conseguido sería posible sen o apoio dos traballadores e as traballadoras.

    O acordo establece a creación de grupos de traballo estables, coordinados pola Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF), nos que participaremos as organizacións sindicais, Adif e as empresas ferroviarias. Estes grupos terán como obxectivo impulsar modificacións normativas e operativas para avanzar cara a un sistema ferroviario máis seguro, moderno e homoxéneo.

    Entre as materias que se abordarán de forma prioritaria inclúense:

    ○ O desenvolvemento de protocolos específicos para situacións meteorolóxicas adversas, para garantir a seguridade do persoal e das persoas usuarias.

    ○ A regulación do sistema de notificacións e informes do persoal de condución, para reforzar a cultura preventiva.

    ○ A definición de criterios sobre tripulacións mínimas a bordo dos trens, vinculados á seguridade e a autoprotección.

    ○ Formación e emerxencias: refórzanse as auditorías dos centros de formación, homoxeneízanse os itinerarios formativos e impúlsase o uso de simuladores, con especial atención á formación práctica en emerxencias, con participación sindical.

    ○ Regras claras sobre condución e descansos: acórdase aclarar de forma urxente a normativa para que só se considere interrompida a condución cando exista unha pausa real de, polo menos, 45 minutos.

    ○ Coordinación real na xestión de riscos: constituirase, no prazo máximo dun mes, o Comité Estatal de Coordinación de Riscos Ferroviarios, con participación sindical, para harmonizar decisións entre empresas ferroviarias e administradores de infraestruturas.

    ○ Control e seguimento das LTV: créase un grupo de traballo específico para o seguimento das «limitacións temporais de velocidade», a súa implantación e retirada, e para mellorar a infraestrutura, con participación de Adif, empresas ferroviarias, AESF e organizacións sindicais.

    ○ Implantación da cultura xusta: impulsarase unha norma común de cultura xusta en todo o sector ferroviario, que garanta que a comunicación de riscos non teña consecuencias disciplinarias nin represalias.

    ○ Igualdade de condicións en todo o sector: instarase a aplicar de forma homoxénea a normativa laboral a todas as persoas que realizan as mesmas funcións, independentemente da empresa ferroviaria para a que traballen.

    Reforzo da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF): acórdase reforzar a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria con:

    ○ Creación de dúas novas subdireccións, para levar a cabo de forma máis eficaz as novas funcións da AESF.

    ○ Mellores condicións para atraer e reter persoal cualificado.

    ○ Máis supervisión e máis diálogo: a AESF reformulará os foros sectoriais de seguridade, formalizando: reunións periódicas e estables con sindicatos e reforzo das Mesas de Intercambio de Experiencias (MIEX) no ámbito técnico.

    ○ Seguridade e condicións laborais: créase unha canle estable entre sindicatos, Inspección de Traballo e AESF para abordar xornadas, descansos, quendas e preavisos cando afecten a seguridade ferroviaria.

    Así mesmo, reforzaranse os foros de intercambio técnico e de diálogo social en materia de seguridade operacional, oficializando reunións periódicas con sindicatos e mellorando as mesas de intercambio de experiencias do sector.

    Un dos avances máis relevantes do acordo é a autorización dun plan de gasto específico para o mantemento da infraestrutura ferroviaria, que suporá:

    ○ Un incremento do 15 % do gasto xa orzado para 2026.

    ○ Un aumento do 20 % sobre o xa previsto nos anos posteriores, ata 2030.

    Ademais, planifícase a ampliación e renovación dos medios materiais, incluíndo o aumento de ata 300 vehículos de estrada para o mantemento e a renovación do parque de vehículos de vía, mellorando as condicións de traballo e a capacidade operativa das bases de mantemento.

    Este reforzo investidor responde a unha das nosas principais esixencias: non pode haber seguridade sen un mantemento adecuado da rede.

    Para facer viable este conxunto de medidas, o acordo autoriza unha taxa de emprego público adicional, destinada a cubrir necesidades estruturais ligadas á seguridade, o mantemento e a supervisión:

    ○ 2400 prazas adicionais en Adif, de carácter plurianual ata 2030, reforzando especialmente o persoal operativo e habilitado;

    ○ 1200 contratacións adicionais no Grupo Renfe, para reforzar procedementos operativos, mantemento, atención ao cliente e seguridade;

    ○ 50 novas prazas na AESF, xunto cunha reorganización interna que permitirá intensificar os labores de supervisión do sistema ferroviario.

    Estas incorporacións son fundamentais para garantir a correcta execución das novas medidas, aliviar a sobrecarga que sofren actualmente moitos cadros de persoal e reverter a externalización no mantemento da infraestrutura, no caso de Adif, e do material rodante, no caso do Grupo Renfe, onde acordamos a internalización do mantemento dos novos trens de proximidades, media distancia e alta velocidade que están sendo adquiridos pola empresa.

    Adicionalmente, no ámbito do Grupo Renfe acórdase a posta en marcha de campañas específicas de revisión, mellora e aseguramento da calidade dos sistemas de climatización dos trens, co obxectivo de aumentar a súa fiabilidade operativa, reducir incidencias recorrentes e garantir condicións adecuadas de confort térmico durante a prestación do servizo.

    Desde CCOO queremos deixar claro que a desconvocatoria da folga non supón o final do camiño. Faremos un seguimento rigoroso do cumprimento de cada un dos compromisos adquiridos e manteremos informados os cadros de persoal de cada avance.

    Este acordo demostra que a mobilización serve, que a defensa colectiva do ferrocarril público e seguro dá resultados e que a voz das traballadoras e traballadores ferroviarios é imprescindible para construír o sistema que necesitamos.