Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 3 Abril 2026.

CCOO convoca unha concentración en Lugo para lembrar os compañeiros falecidos na A-8 e esixir máis seguridade no mantemento viario

    O sindicato presenta unha ampla batería de medidas para rebaixar os riscos do persoal

    11/02/2026.
    Concentración, este venres día 13, en Lugo.

    Concentración, este venres día 13, en Lugo.

    Dúas semanas despois da tráxica morte de dous traballadores de mantemento na A-8, ao seu paso por Guitiriz, CCOO convoca unha concentración para lembrar os compañeiros falecidos e esixir máis seguridade para as persoas que traballan na conservación das vías. A mobilización terá lugar este venres, día 13, ás 12:00, diante de Demarcación de Estradas, na Rolda da Muralla de Lugo.

    «Queremos medidas efectivas e verificables. O persoal de mantemento non pode seguir traballando exposto a situacións de risco evitable. A seguridade é un dereito, non é un extra», asevera a secretaria xeral de CCOO do Hábitat Galicia, Alejandra Gesto.

    Esta concentración é tamén un acto de recordo, respecto e solidariedade cos compañeiros falecidos e coas súas familias, un recoñecemento a unha profesión pouco valorada e imprescindible para a sociedade, e unha chamada colectiva para que as Administracións competentes actúen con determinación: ningún traballo vale unha vida.

    En concreto, o sindicato reclama como medidas urxentes a análise real dos riscos por condicións atmosféricas adversas, cortes totais nas operacións de tapado de fochancas e máis control de velocidade en tramos de obras. O persoal de conservación e mantemento fai un traballo esencial e de alto risco, moitas veces exposto á circulación de vehículos a velocidades incompatibles coa presenza de persoas operarias na calzada, e tamén a condicións meteorolóxicas adversas que non sempre se reflicten nas alertas oficiais.

    Solicitude de reunión e proposta de medidas adicionais

    CCOO xa solicitou unha reunión á Demarcación de Estradas de Galicia para trasladar unha batería de propostas orientadas a reducir o risco e evitar que se repitan feitos tan tráxicos como os ocorridos na A-8.

    Entre as medidas que CCOO considera prioritarias, destacan estas:

    ○ Analizar as condicións adversas do tempo máis alá das alertas de MeteoGalicia e da Aemet:

    O sindicato advirte de que fenómenos como a brétema, frecuente e especialmente perigosa na A-8 e noutras vías de Galicia, non sempre aparecen reflectidos con precisión nas alertas e poden darse situacións de visibilidade nula mesmo con aviso amarelo. CCOO reclama protocolos que incorporen criterios reais de visibilidade e risco, con capacidade para adaptar ou interromper traballos cando as circunstancias o aconsellen.

    ○ Corte total de carrís e desvío de tráfico nas operacións de tapado de fochas:

    Para CCOO, nas intervencións de maior exposición —como o tapado de fochas— debe implantarse o corte total desde distancias máis amplas e o desvío do tráfico, de modo que o risco por impacto de vehículos se reduza a cero para o persoal.

    ○ Campaña específica da DXT para controlar a velocidade en tramos de obras:

    O sindicato solicita á DXT que impulse unha campaña sostida de vixilancia e control de velocidade en zonas de obras e conservación, xa que unha parte considerable da condución non percibe nin valora o perigo real que supón exceder os límites en tramos sinalizados. CCOO reclama máis control e sanción, e tamén máis concienciación pública.

    ○ Máis investimento no mantemento preventivo das estradas:

    CCOO solicita investimento en traballos planificados, priorizándoo fronte ao mantemento correctivo da actualidade, con traballos urxentes, pouco planificados e prazos curtos. Débese dar prioridade á seguridade dos operarios fronte aos prazos dos traballos de urxencias.

    ○ Máis vixilancia e supervisión por parte de Demarcación de Estradas:

    CCOO solicita máis vixilancia e supervisión para detectar a falta de mantemento e necesidades das vías con antelación e a correcta planificación dos traballos, intentando minimizar os traballos urxentes.

    ○ Máis investimento en formación específica:

    Solicitamos máis formación para o persoal, con cursos moito máis específicos e simuladores especializados COEX.