Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

As empresas deben planificar como o persoal vai ao traballo: pautas para elaborar os novos plans de mobilidade sostible

    Este novo instrumento, que debe ser negociado coa parte social, é obrigatorio para centros de traballo con máis de 200 persoas ou 100 nunha mesma quenda

    12/02/2026.
    Plans de mobilidade sostible ao traballo.

    Plans de mobilidade sostible ao traballo.

    Achégase un novo fito para a mobilidade que afecta de cheo ás persoas traballadoras e ás patronais. E é que a entrada en vigor da Lei 9/2025 de Mobilidade Sostible introduce, por primeira vez en España, unha obriga para que as empresas e as administracións públicas analicen e reorganicen como as persoas se desprazan aos seus centros de traballo. O instrumento clave serán os plans de mobilidade sostible ao traballo (PMST), unha ferramenta que busca reducir as emisións, mellorar a saúde laboral e diminuír os accidentes de tráfico asociados aos desprazamentos diarios.

    As empresas e as entidades do sector público con centros de traballo de máis de 200 persoas, ou 100 nunha mesma quenda, deben ter un plan, co 6 de decembro de 2027 como data límite. Ademais, os plans deben ter en conta non só o cadro de persoal, senón tamén os clientes, visitantes e provedores, e aliñarse co plan de mobilidade do concello onde se atopa o centro.

    Os plans de mobilidade deben priorizar, nesta orde:

    1.- Mobilidade activa (camiñar e ir en bicicleta)

    2.- Transporte colectivo

    3.- Mobilidade compartida (vehículos de alugueiro sen condutor)

    4.- Mobilidade colaborativa (compartir un mesmo vehículo entre varias persoas)

    5.- Vehículos de cero emisións

    Outras medidas relevantes que pode incluír o plan é a implantación do teletraballo, sempre que sexa posible, e o establecemento de sistemas de compensación da pegada de carbono para aquela mobilidade emisora de gases sobre a que non se puidese actuar. Tamén caben accións en materia de flexibilidade horaria, xestión de aparcamentos comúns, formación e condución eficiente e campañas e incentivos para mudar os hábitos de mobilidade.

    Un proceso con negociación obrigatoria

    Os plans non poden ser aprobados unilateralmente. A lei esixe unha negociación obrigatoria cos representantes legais dos traballadores ou, se non existen, cunha comisión negociadora formada polos sindicatos máis representativos do sector.

    O proceso de desenvolvemento inclúe cinco fases: decisión inicial, diagnose, deseño, implementación e seguimento. Cada fase analiza os hábitos de mobilidade, establece obxectivos medibles (redución de emisións, aforro de enerxía, mellora da saúde laboral) e selecciona medidas específicas como o uso compartido de coches, a xestión do aparcadoiro, os incentivos ao transporte público ou as campañas de sensibilización.

    Unha vez aprobado, o PMST debe ser comunicado ao Goberno autonómico correspondente no prazo de tres meses para a súa inclusión no Espazo de Datos Integrado de Mobilidade. Ademais, débese elaborar un informe de seguimento cada dous anos.

    Sancións e axudas

    A falta de plan ou de seguimento da súa aplicación considerarase unha infracción. As sancións van desde os 101 ata os 2000 euros por infraccións leves, e desde os 2001 ata os 6000 euros por infraccións graves.

    A lei abre a porta a subvencións públicas para financiar estes plans en centros con máis de 100 empregados. Tamén permite ás empresas ofrecer aos seus empregados tarxetas de transporte exentas de impostos como incentivo para o cambio modal.

    Unha realidade a mudar

    Hoxe en día, un 60 % dos desprazamentos ao traballo realízanse en coche, máis do 60 % cun só ocupante. A media de tempo investido en desprazamos ao centro laboral é de 60 minutos ao día. Isto deriva en perda de tempo para as persoas traballadoras e de competitividade para as empresas; en maiores emisións de gases de efecto invernadoiro e en máis ruído.

    Os problemas de tráfico implican non só que se tarde máis en chegar ao traballo, senón que producen incerteza en canto á hora de entrada e de entrega das mercadorías, o que ten outras dúas derivadas: máis dificultades para conciliar vida laboral e persoal e maiores custes empresariais. Tamén provocan un maior estrés, cos seus coñecidos efectos negativos e o conseguinte incremento do risco de accidente. Non en van, un de cada nove sinistros laborais sono de tráfico, e un terzo das mortes por accidente laboral ocorren nas estradas.

    En contraste con este modelo, os PMST buscan transformar a mobilidade ao lugar de traballo nunha política estrutural para a saúde pública, o clima e a competitividade, non simplemente nunha iniciativa voluntaria de responsabilidade social corporativa.