Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO esixe a recuperación dunha ambulancia de soporte vital básico para O Salnés

    O sindicato fai esta reclamación ante a próxima licitación do novo concurso de transporte sanitario

    12/02/2026.
    Unha ambulancia nas urxencias do hospital do Salnés // Google Maps.

    Unha ambulancia nas urxencias do hospital do Salnés // Google Maps.

    Comisións Obreiras (CCOO) esíxelle á Xunta de Galicia a recuperación dunha ambulancia de soporte vital básico (SVB) operativa 12 horas ao día, os 365 días do ano, para dar cobertura á comarca do Salnés, con base en Vilagarcía de Arousa.

    Esta petición prodúcese nun momento clave, ante a próxima licitación do novo concurso de transporte sanitario en Galicia, que determinará os recursos dispoñibles nos vindeiros anos. Desde CCOO consideramos imprescindible que este novo contrato recolla as necesidades reais da poboación e dos profesionais do sector.

    Nos últimos días mantívose unha xuntanza coa Consellería de Sanidade na que se trasladou formalmente esta demanda, lembrando que este recurso existía con anterioridade e foi retirado, o que provocou unha diminución da capacidade asistencial na comarca.

    A falta desta ambulancia supón un prexuízo tanto para a cidadanía como para os profesionais sanitarios, xa que incrementa os tempos de resposta, sobrecarga os servizos existentes e dificulta unha atención rápida e eficaz nas situacións de urxencia.

    Así mesmo, dende CCOO enviouse un escrito aos concellos do Salnés no que solicita o seu apoio institucional para facer realidade a recuperación desta ambulancia, coa finalidade de sumar esforzos en defensa dun servizo público esencial.

    Desde Comisións Obreiras reiteramos que a sanidade pública e o transporte sanitario deben ser unha prioridade e que non se pode permitir unha perda de recursos que afecta directamente á seguridade e á saúde da poboación.

    Por todo isto, esixímoslle á Xunta de Galicia que inclúa no próximo prego de licitación a dotación dunha ambulancia SVB para o Salnés, que garanta unha atención digna, suficiente e de calidade.