Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 13 Febreiro 2026.

Modernizar a prevención de riscos, un paso adiante despois de 30 anos

    O secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, participa no asinamento da modernización da Lei de prevención de riscos laborais e advirte do nivel de subrexistro e ocultación do cancro laboral. «Cómpren medidas valentes»

    13/02/2026.
    Unai Sordo, durante o acto deste  martes.

    Unai Sordo, durante o acto deste martes.

    En 30 anos, o traballo en España mudou. E a prevención de riscos laborais tamén debe mudar. O secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, participou este martes no asinamento da modernización da Lei de prevención de riscos laborais xunto a UGT, unha norma que coa súa entrada en vigor en 1995 cambiou o paradigma na actuación ante os accidentes laborais.

    A súa modernización era necesaria, resaltou Sordo, porque son numerosos os aspectos que deben reforzarse aínda no labor preventivo. No caso do recoñecemento das enfermidades profesionais, o secretario xeral de CCOO recalcou que hai un infrarrexistro que «non se dá solucionado» e que representa o «maior baleiro de protección das persoas traballadoras».

    «A gran maioría son atendidas como enfermidades comúns, pagadas polo sistema público e non por quen debería facelo, as empresas, ou quen debería recoñecelas, as mutuas», aseverou no acto do asinamento.

    Sordo apuntou ao cancro por exposición no traballo, que sofre un subrexistro e unha ocultación «xigantescas». «Cómpren medidas valentes. Urxe a necesidade de crear rexistros de empresas onde se manexen produtos canceríxenos e dos traballadores e traballadoras expostos a eles», afirmou.

    Unai Sordo tamén fixo alusión aos riscos que xorden dos novos modos de traballo, como o que se realiza en plataformas dixitais, no que «temos de xefe un algoritmo anónimo co que non se pode interactuar».

    A actualización e mellora da lei tamén quere visualizar os riscos que se incrementaron nos postos de traballo derivados do cambio climático, o traballo a distancia ou os orixinados polas deficiencias de desconexión dixital, o control dixital permanente ou a hiperconectividade. «Todas as empresas deben ter estas casuísticas incorporadas ás súas avaliacións de risco, con especial énfase nos riscos psicosociais», destacou.

    Diversidade na prevención

    A actualización da normativa inclúe tamén a necesidade de integrar a perspectiva de xénero na prevención de riscos, algo «absolutamente necesario», igual que a diversidade xeracional na xestión preventiva da organización das empresas para garantir a adaptación do traballo á evolución das actitudes psicofisiolóxicas das persoas traballadoras nas distintas etapas da súa vida.

    Finalmente, o secretario xeral de CCOO lembrou o acordo de actualización dalgunhas normativas, como o regulamento de desenvolvemento sobre a protección da seguridade e das persoas traballadoras contra os riscos psicosociais, o regulamento sobre a protección da seguridade e a saúde das persoas traballadoras fronte ao cambio climático.

    «Non se pode convivir con ese iceberg subterráneo que son as enfermidades profesionais. En España hai moitísima xente cunha enfermidade ou doenza que, realmente, provén do posto de traballo que desempeña ou desempeñou, e isto segue sendo un elemento invisibilizado», concluíu Sordo.