Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

O Tribunal Supremo ratifica a legalidade da acción sindical de CCOO en Inditex

    Os dereitos non se conquistan con estratexias xurídicas sen base, senón con organización, mobilización e negociación real nas mesas onde se toman as decisións que afectan a miles de familias

    13/02/2026.
    Protesta de CCOO ante unha tenda de Inditex.

    Protesta de CCOO ante unha tenda de Inditex.

    O Tribunal Supremo acaba de ditar unha sentenza que avala a actuación sindical de CCOO e pon fin ao conflito impulsado polo sindicato CIG en relación coa negociación do «plus sede» en Inditex.

    A CIG presentou un recurso contra a sentenza da Audiencia Nacional, que xa apoiara a postura de Comisións Obreiras, alegando que Inditex vulnerara a súa liberdade sindical ao trasladar a negociación deste complemento salarial ao ámbito estatal, onde este sindicato non ten representatividade suficiente para participar.

    O Tribunal Supremo foi tallante na súa resolución, desestimando as pretensións da CIG. Confirmou que a mesa de negociación estatal está legalmente constituída. Os acordos alcanzados nela por sindicatos con representatividade en todo o país (como CCOO) son plenamente válidos para todo o cadro de persoal.

    Os maxistrados tamén apuntan que a lei permite que materias que antes se negociaban no ámbito provincial pasen a negociarse no estatal se existe lexitimación. Non existe un dereito a manter un tema «bloqueado» nun ámbito local para sempre.

    O Supremo aclara que a exclusión da CIG na mesa estatal non é unha manobra antisindical, senón a consecuencia legal de non acadar o 10 % de representación esixido no nivel nacional.

    Esta sentenza vén ratificar que a estratexia de negociación colectiva estatal que defendemos dende CCOO é unha ferramenta legal, sólida e eficaz para mellorar as condicións de todos os centros de traballo de Inditex.

    Os dereitos non se conquistan con estratexias xurídicas sen base, senón con organización, mobilización e negociación real nas mesas onde se toman as decisións que afectan a miles de familias. Seguimos traballando para que cada acordo supoña un paso adiante en dereitos e salarios.