Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO denuncia a represión sindical en Glovo na Coruña e esixe negociar o algoritmo para evitar sancións inxustas

    «Non pode ser que un algoritmo nos devolva ao pasado, á época da escravitude», advirte Comisións Obreiras, que avisa de mobilizacións se a empresa non chega a acordos

    16/02/2026.
    Rolda de prensa celebrada este lunes en Santiago.

    Rolda de prensa celebrada este lunes en Santiago.

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO na Coruña denunciou este luns as prácticas antisindicais que leva a cabo Glovo e esixiu que a empresa de repartición negocie coa representación das persoas traballadoras os parámetros que rexen o algoritmo, utilizado de maneira arbitraria e inxusta para sancionar a moitos repartidores, algúns deles membros do comité de empresa. Segundo os datos da Seguridade Social, actualmente traballan en Glovo en Galicia 733 persoas, 290 delas na provincia coruñesa.

    Comisións Obreiras impúxose nas eleccións sindicais en Glovo na provincia da Coruña, onde logrou a totalidade dos nove representantes. O presidente do comité, Aklaim Morales, alertou nunha conferencia de prensa esta mañá da «deterioración e abuso» que a empresa aplica sobre o cadro de persoal, escusándose sempre no algoritmo. «Non teñen en conta a situación real das cidades en que operan», aseverou, e explicou que factores como o estado do tráfico, a sinalización ou o tempo adverso óbvianse á hora de determinar a duracións dos traxectos.

    Aklaim Morales sinalou que Glovo se nega a poñer en coñecemento do comité de empresa as razóns das sancións e despedimentos de varios compañeiros e remarcou que representantes sindicais tamén están a recibir estas sancións como xeito de coaccionalos. «Logramos readmitir a algúns repartidores pero grazas a unha dura loita», expuxo, e avisou de que a estratexia de CCOO pasa por negociar coa empresa para ter un bo acordo, pero, se non for posible, coordinarán mobilizacións co resto de comités que se están constituíndo no Estado.

    Mónica Raposeiras, secretaria de Eleccións Sindicais na FSC-CCOO de Galicia, explicou que desde que se impuxo a laboralización dos repartidores a empresa foi poñendo «pedras no camiño» para obstaculizar a acción sindical. Por exemplo, entrega censos que non se corresponden cos datos da Seguridade Social e agora pretende que se fagan eleccións sindicais de ámbito autonómico, para así ter 17 comités en lugar de 52 e limitar a capacidade das forzas sindicais.

    «Glovo non quere ter as persoas traballadoras sindicadas», acusou, e engadiu que outra estrataxema que utiliza é impulsar listas de sindicatos amarelos. Nese senso, Mary Rodríguez, secretaria de Comunicación, Mulleres e Igualdade na FSC-CCOO de Galicia lembrou que a Constitución española proclama que todas as persoas teñen dereito a sindicarse.

    Pola súa banda, Jesús López Rodríguez, secretario de Acción Sindical e Negociación Colectiva na FSC-CCOO de Galicia, incidiu en que, en dereitos laborais, «en Glovo está todo o camiño por recorrer», comezando pola aplicación dun convenio de 2006 «obsoleto», con salarios por debaixo do smi e que non recolle as especificades do sector.

    Jesús López chamou a atención sobre que dereitos «tan básicos» como ter unha nómina clara e entendible non se cumpren nesta empresa. Tamén insistiu na importancia de que a representación sindical coñeza e negocie os parámetros do algoritmo. «Non pode ser que un algoritmo nos devolva ao pasado, á época da escravitude», aseverou. O ideal sería elaborar un convenio colectivo propio, pero se iso non é posible, CCOO aposta por renovar o de mensaxería, que é o que se está aplicando.

    Demandas

    A listaxe de reivindicacións de Comisións Obreiras de cara a esas próximas negociación é ampla: aplicación do convenio sectorial correspondente e non un desfasado do 2006, por debaixo do SMI; elección entre vehículo propio ou de empresa para distribución, e que a empresa se faga cargo do combustible e mantemento; librar un mínimo dunha fin de semana ao mes; fin das sancións inxustas; pagamento correcto das nóminas; locais propios de Glovo para protección das condicións meteorolóxicas adversas e almacenamento do material; calendario mensual de condicións de traballo; complemento salarial por quebranto de moeda por ter efectivo; transparencia no algoritmo de asignación de pedidos; móbil de empresa; remuneración dun bono por tempo de espera para casos de atrasos en recollidas e/ou entregas; «bono chuvia» cun pagamento suficiente e negociado dun complemento pola repartición en días de tempo adverso; nóminas transparentes onde se explique de onde vén cada pagamento baseado nos pedidos, quilómetros e tempos de espera realizados.