Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

Persoal de estradas concéntranse en Lugo tras os accidentes mortais na A-8: «A seguridade non é negociable»

    CCOO do Hábitat en Galicia lidera unha protesta para esixir protocolos efectivos e máis medios ante o risco constante nas vías galegas

    16/02/2026.
    Concentración, este venres día 13, en Lugo.

    Concentración, este venres día 13, en Lugo.

    Unha trintena de traballadoras e traballadores do mantemento de estradas concentráronse a mañá do 13 de febreiro diante da Demarcación de Estradas de Lugo para render homenaxe aos compañeiros falecidos en accidentes laborais na A-8 e esixir medidas de seguridade urxentes.

    A protesta, convocada por CCOO do Hábitat de Galicia, buscou visibilizar unha realidade que, segundo denuncian, se repite con demasiada frecuencia: traballar a escasos metros do tráfico, con condicións atmosféricas adversas e sen a protección necesaria.

    Baixo o lema «A seguridade non é negociable», as persoas asistentes gardaron un minuto de silenciopolas vítimas mortais e amosaron o seu apoio ás persoas feridas, mentres recordaban que a sinistralidade no sector non pode seguir normalizándose.

    Durante o acto, Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO do Hábitat de Galicia, leu un manifesto no que se detallaron as principais reivindicacións do colectivo. Entre elas, destacan a necesidade dunha reunión urxente coa Demarcación de Estradas de Galicia para deseñar un plan específico de seguridade, así como a creación de novos protocolos de actuación en caso de tempo adverso, especialmente con néboa, que permitan paralizar os traballos cando exista un risco real.

    O persoal tamén reclamoumáis medios materiais e humanos, unha mellor planificación das tarefas para evitar a improvisación e campañas específicas da DXT que sensibilicen as persoas condutoras sobre a necesidade de reducir a velocidade nos tramos de obras.

    O colectivo deixou claro que non aceptará solucións sobre o papel nin promesas baleiras. «Non estamos aquí só para lamentar, estamos para esixir cambios e protexer vidas», sinalaron ao peche da concentración. Con esta mobilización, o persoal de mantemento de estradas busca pór fin a unha dinámica que consideran insostible: a de arriscar a vida cada xornada para garantir a seguridade viaria das demais persoas. A loita, advirten, continuará ata que se implementen medidas reais que permitan atodos e todas as profesionais volver á casa ao remataren a súa quenda.