Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

O comercio do metal da provincia de Pontevedra esixe un convenio digno sen perda de dereitos

    CCOO, UGT e CIG concéntranse en Vilaboa para reclamar á patronal que retire a súas propostas regresivas

    18/02/2026.
    Protesta ante Recambios Ochoa, este martes.

    Protesta ante Recambios Ochoa, este martes.

    As tres centrais sindicais na mesa do convenio do comercio do metal da provincia de Pontevedra —CCOO, UGT e CIG— mobilizáronse este martes en Vilaboa para esixirlle á patronal que volva sentar para poder rematar unha negociación «que se está alongando demasiado».

    Persoas traballadoras do sector manifestáronse ante Recambios Ochoa para reclamar unha negociación sen perda de dereitos. «O complemento de IT non se vende», clamaron os manifestantes, que berraron: «convenio, si; escravos, non».

    Os sindicatos reclaman que se retiren de inmediato as pretensións empresariais: «Son inasumibles e, de ser aceptadas, producirían un retroceso moi grande neste convenio». A patronal quere eliminar o complemento de incapacidade temporal e que se permita a compensación e absorción das melloras voluntarias concedidas polas empresas. Son dúas medidas que suporían unha perda directa no salario de moitas persoas traballadoras deste sector.

    A decisión de organizar esta nova mobilización tomouse o pasado luns, 2 de febreiro, logo de que os tres sindicatos convocaran unha concentración no hotel Coia de Vigo, onde estaba prevista a mesa para o convenio da industria do metal; nesta negociación está representada a patronal ATRA, que ao tempo está tamén na mesa do comercio do metal.

    A parte empresarial do convenio da industria, ao coñecer a concentración, decidiu suspender a súa reunión, o que supuxo a protesta contundente da parte social. Mediante un escrito, esixiu a inmediata convocatoria doutra reunión, que se celebrará finalmente o 10 de febreiro.