Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

O comité da planta de Lousame denuncia o risco de perder 50 postos de traballo feminizados e de difícil reinserción laboral

    Critica que o lixo, que se está a recoller por separado, acabe todo xunto incinerado en Sogama

    19/02/2026.
    O comité de empresa da platna de Lousame, en rolda de prensa este xoves.

    O comité de empresa da platna de Lousame, en rolda de prensa este xoves.

    O comité de empresa da planta de tratamento de residuos de Lousame —integrado por CCOO, CIG e UGT— denunciou este xoves a incerteza no futuro dunhas 60 das arredor de 120 persoas que conforman o cadro. Preocupa, en especial, a sección de triaxe, onde os preto de 50 postos están feminizados na súa totalidade e con algunhas mulleres en idades complicadas para reincorporarse ao mercado laboral.

    Nunha rolda conxunta das tres centrais, Óscar Cereijo, secretario de Comunicación de CCOO do Hábitat de Galicia, remarcou que a principal preocupación do sindicato é a situación en que queda ese medio cento de mulleres, pois desde o 1 de xaneiro o lixo xa non está a ser xestionado na planta, senón que se transfire a Sogama. Criticou que, desde a Mancomunidade do Barbanza, a administración responsable das instalacións o único interese que ten é que non haxa lixo nas rúas, sen se preocupar nin polos postos de traballo ni polo método de tratamento.

    Nese senso, o representante de Comisións Obreiras lembrou que nas primeiras reunións coa Xunta de Galicia se acolleu con bos ollos a proposta do comité de adaptar as instalacións para asumir a xestión do lixo orgánico do centro de Galicia. A Consellería de Medio Ambiente, de feito, admitiu que a planta xa contaba cos permisos, o que evitaría empezar de cero. Porén, dado o transcurso dos acontecementos, o comité non se mostra optimista co papel do Goberno galego: «Agora parece que están felices de que o seu modelo, o de Sogama, fora o que “gañou”».

    O comité promoverá iniciativas para que se aborde no Parlamento galego esta problemática, e non descarta mobilizacións para que se recupere a actividade na planta. Ao seu xuízo, a decisión de enviar os residuos da Mancomunidade do Barbanza ao complexo de Sogama para a súa incineración incumpre a normativa europea, xa que chega todo mesturado ás instalacións de Cerceda, cando en Lousame se seleccionaban e se separaban.

    Nese senso, os sindicatos consideran unha estafa á cidadanía o que acontece, xa que a xente separa nas súas casas, deposita as bolsas no contedor correspondente, os camións recollen cada tipo de residuo por separado pero logo botan todo xunto na empacadora de Santiago, dende onde se trasladan os refugallos a Sogama para incineralos.