Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO rexeita a última proposta da patronal do transporte de viaxeiros da Coruña e non asinará o convenio

    Nos vindeiros días, haberá unha reunión para poñer fin á mediación sen acordo entre as partes

    23/02/2026.
    Protesta na estación de autobuses de Santiago.

    Protesta na estación de autobuses de Santiago.

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Galicia decidiu este luns rexeitar a última proposta da patronal do transporte de viaxeiros da provincia da Coruña, de forma que se poñerá fin á negociación levada a cabo nos últimos meses no Consello Galego de Relacións Laborais sen asinar un novo convenio colectivo.

    Despois de consultar coa afiliación a última proposta feita pola parte empresarial na reunión do venres, día 20, CCOO aposta por non asinala, xa que non satisfai as expectativas das persoas traballadoras afiliadas ao sindicato, que foron consultadas ao longo da fin de semana. Nos días vindeiros terá lugar un encontro entre todas as partes implicadas no que se asinará a acta final da mediación sen acordo.

    Comisións Obreiras mantén a súa última proposta de sete puntos, realizada na penúltima reunión, o 12 de febreiro, como xeito de desbloquear o conflito.

    CCOO propón mellorar a redacción do texto para que quede ben determinado cando é xornada continua e cando partida, por mor do cobramento da axuda de banda horaria ou, se for o caso, do plus que ofrece a parte empresarial. Este punto non pode deixar lugar a dúbidas para as persoas traballadoras e tamén ten que quedar claro como vai ser para o persoal con servizos de discrecional.

    Canto á xornada das persoas acompañantes, CCOO quere que empece a computar desde que soben ao autobús ata que baixen, e sempre garantindo contratos dun mínimo de dúas horas ao día. Sobre os festivos, a proposta establece que se aboen cun incremento do 75 %, de acordo co Decreto 2001, artigo 47. Tamén que nos días especiais (24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro) o incremento sexa do 125 % do salario base máis os pluses non variables ou descanso equivalente.

    No texto de Comisións Obreiras tamén figura que a xornada sexa de 1800 horas e subir dous días do que hai no convenio os días de asuntos propios, amais de que os cuadrantes de xornada e os descansos se publiquen con 30 días de antelación. Así mesmo, CCOO propón unha suba salarial do 3,5 % para 2025 e do 4 % para 2026, e que a xubilación parcial por contrato de remuda sexa a elección das persoas traballadoras.