Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

As persoas traballadoras galegas perden unha media de 7600 euros anuais polas horas extra gratis: CCOO esixe rematar con esta forma de explotación estrutural

    O sindicato propón seis medidas para rematar con esta práctica lesiva, como reforzar a Inspección de Traballo e auditorías sistemáticas dos rexistros horarios das empresas

    26/02/2026.
    Horas extra non pagadas.

    Horas extra non pagadas.

    O informe elaborado polo Gabinete Económico da Confederación Sindical de CCOO, con datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) de 2025, revela unha situación de explotación laboral persistente e estrutural no conxunto do Estado español e que afecta con especial incidencia a Galicia. A mostra más visible son os 2,49 millóns de horas extras non pagadas que cada semana se fixeron de media en España durante o ano pasado e que afectaron a un total de 441 000 persoas asalariadas.

    En Galicia, este problema maniféstase con particular intensidade: a nosa comunidade sitúase entre as máis afectadas en termos absolutos. Ao longo de 2025 traballáronse de media 122 186 horas extra non pagadas cada semana. Este dato sitúanos na sexta posición da clasificación estatal en termos absolutos, por detrás de Madrid (582 280), Catalunya (495 208), a Comunitat Valenciana (290 373), Andalucía (244 963) e o País Vasco (138 698).

    Unha media de 21 000 traballadores e traballadoras realizaron horas extra non pagadas cada semana durante 2025. Por persoa traballadora afectada en Galicia, a media sitúase en 5,8 horas semanais (calculada a partir dos datos de volume total de afectadas), o que supón un custo laboral non aboado de aproximadamente 146 euros semanais por traballador, equivalente a 7592 euros anuais entre salarios e cotizacións non pagadas. Son máis de 200 euros a maiores que os galegos e as galegas deixan percibir con respecto ao conxunto do Estado.

    As horas extra non pagadas constitúen unha forma de explotación laboral persistente desde hai décadas, que non se logrou reducir de maneira significativa nos últimos anos. A pesar da aprobación de normativa específica, como o rexistro obrigatorio da xornada laboral (Real decreto lei 8/2019), os datos de 2025 evidencian que esta medida resulta insuficiente e ineficaz para erradicar o problema.

    En termos económicos, as horas extra non pagadas representan para as persoas traballadoras unha perda media de 7592 euros anuais en Galicia (7355 de media no Estado) por persoa afectada, entre salarios e cotizacións non aboadas; para a Seguridade Social supoñen unha mingua nos ingresos por cotizacións que debilita o sistema público; e para o conxunto da sociedade implican unha competencia desleal entre empresas, onde as que incumpren teñen vantaxes fronte ás que respectan a normativa.

    Oportunidade perdida

    A implantación do rexistro obrigatorio de xornada en 2019 supuxo unha oportunidade histórica para acabar coas horas extra non pagadas. Seis anos despois, os datos demostran que o 39 % das horas extra totais seguen sen cotizar, nin pagarse nin compensarse con descanso. Ademais, a tendencia das horas extra non pagadas mantense estable ou en lixeiro aumento desde 2019, de xeito que a falta de controis efectivos e de sancións exemplarizantes converten a norma nun mero trámite burocrático.

    Resulta especialmente grave que a Administración pública figure entre os sectores con maior volume de horas extra non pagadas. O sector público debería ser exemplo de cumprimento normativo, e non está a ser así. As Administracións galegas, autonómica e local, deben liderar unha mudanza de modelo que priorice o respecto aos dereitos laborais.

    Dende CCOO Galicia esiximos seis medidas para rematar con esta forma de explotación estrutural:

    1.- Reforzo da Inspección de Traballo en Galicia, con medios humanos e técnicos acordes co volume do mercado laboral.

    2.- Auditorías sistemáticas do rexistro de xornada nas empresas, particularmente nos sectores máis afectados.

    3.- Sancións exemplares que disuadan do incumprimento, incluíndo a responsabilidade solidaria nas cadeas de contratación.

    4.- Campañas de información e asesoramento aos traballadores e traballadoras sobre os seus dereitos e os mecanismos de denuncia.

    5.- Cláusulas de control nos convenios colectivos que garantan o respecto á xornada pactada e a remuneración das horas extra.

    6.- Exemplaridade do sector público, eliminando calquera práctica de horas extra non pagadas na Administración autonómica e local galega.