Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO convoca paros en todo o sector do comercio galego en dúas datas claves do verán: 26 de xullo e 15 de agosto

    Abonda de salarios baixos, xornadas parciais impostas, dispoñibilidade total non compensada e apertura continuada en domingos e festivos sen descanso real

    26/02/2026.
    Protesta do «Nadal Vermello», o pasado decembro.

    Protesta do «Nadal Vermello», o pasado decembro.

    As traballadoras e traballadores do comercio galego dan un paso adiante. Despois de meses de advertencias e negociacións sen resultado, CCOO Servizos fai efectiva a convocatoria de folga que xa anunciara en novembro do ano pasado nunha comparecencia ante os medios de comunicación, coincidindo coa campaña do Black Friday: sen cambios reais, habería mobilizacións. E así será.

    A folga afectará a todo o comercio galego durante a xornada completa do 26 de xullo, domingo, e o 15 de agosto, sábado, dúas das datas de maior actividade comercial do ano. A convocatoria atangue a todos os traballadores e traballadoras con independencia do tipo de contrato ou da xornada.

    As razóns son coñecidas por quen traballa no sector, pero convén enuncialas con claridade: salarios baixos, xornadas parciais impostas, dispoñibilidade total non compensada e apertura continuada en domingos e festivos sen descanso real. Traballar cando o resto da sociedade descansa non pode seguir sendo a norma.

    Esta situación prexudica de xeito especial as mulleres, que constitúen a maioría da forza laboral nun sector fortemente feminizado.

    A Federación de Servizos de CCOO Galicia liderou esta iniciativa durante meses. Outros sindicatos súmanse agora á convocatoria, aínda que de forma tardía e limitada unicamente ao ámbito dos grandes almacéns.

    Os obxectivos desta folga son concretos e inaprazables:

    --Dereito ao descanso efectivo en domingos e festivos

    --Conciliación da vida persoal, familiar e laboral

    --Condicións laborais dignas e xornadas equilibradas

    --Emprego de calidade no comercio galego

    Sen as persoas traballadoras, o comercio non funciona. É hora de dicir basta. En CCOO seguimos traballando para que cada acordo se traduza nun avance tanxible en dereitos e salarios para as miles de familias afectadas.