Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO denuncia un acordo salarial na construción «cociñado» por CIG, UGT e a patronal de Pontevedra por baixo dos mínimos estatais

    Critica a «demagoxia sindical» da CIG: «Xusto na provincia onde teñen maioría absoluta, asinan unhas táboas por debaixo do que dicían defender nas rúas»

    27/02/2026.
    CCOO denuncia acordos cociñados entre patronal e os outros sindicatos.

    CCOO denuncia acordos cociñados entre patronal e os outros sindicatos.

    CCOO do Hábitat Pontevedra denuncia que na xuntanza da mesa negociadora do convenio da construción da provincia, celebrada o xoves, 26 de febreiro, CIG, UGT e a representación empresarial pecharon unhas táboas salariais que sitúan as condicións por debaixo do establecido no Convenio Estatal da Construción, abrindo a porta a unha rebaixa inxustificable de dereitos no sector.

    Segundo consta na propia acta, a reunión, que tivo lugar en Vigo, abordaba cuestións clave como a actualización das táboas 2025-2026, os incrementos salariais, as achegas ao plan de pensións, as compensacións por desgaste de ferramentas e roupa, as axudas por desprazamento e a ampliación da xornada de verán. Porén, para CCOO, o resultado foi un acordo «cociñado» previamente, sen garantías nin transparencia.

    CCOO do Hábitat negouse a asinar ao non estar constituída formalmente a comisión negociadora coa certificación de representatividade da parte social, requisito recollido no artigo 87.3 do Estatuto das Persoas Traballadoras. A maiores, a central considera un «feito gravísimo» que CIG e UGT abandonaran a reunión sen asinar a acta, malia deixar pechado un acordo coa patronal que, na práctica, vetaba a CCOO da negociación real.

    Desde CCOO denuncian tamén a «demagoxia sindical» da CIG, lembrando que non pasaron nin tres meses desde que convocou folga no sector para esixir melloras substanciais nos convenios da construción das catro provincias galegas. «Resulta inaceptable que, xusto na provincia onde teñen maioría absoluta, asinen unhas táboas por debaixo dos mínimos estatais que dicían defender nas rúas», sinalan.

    CCOO do Hábitat anuncia que levará a cabo as medidas oportunas dentro da súa capacidade e lexitimación como sindicato máis representativo no ámbito estatal, ao considerar que non se poden consolidar acordos á baixa nin recortar dereitos mediante pactos fóra da mesa e sen garantías legais.

    O sindicato fai un chamamento ao conxunto do persoal da construción para informarse e defender colectivamente unhas condicións dignas, esixindo que a negociación se retome con plena lexitimidade, transparencia e respecto ao marco estatal, sen recortes nin cesións encubertas.