Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO e a Fundación 10 de Marzo organizan en Ferrol a mostra «A Transición»

    A exposición, que se poderá visitar ata o 15 deste mes, presenta un enfoque popular sobre este decisivo período histórico

    02/03/2026.
    Jesús Castro, presidente da Fundación 10 de Marzo.

    Jesús Castro, presidente da Fundación 10 de Marzo.

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a Fundación 10 de Marzo organizan a mostra «A Transición», que poderá visitarse entre o 4 e o 15 deste mes no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, sobre este período histórico chave para entender o presente do Estado español. A inauguración tivo lugar mañá martes no citado centro, situado na rúa Concepción Arenal, coa presenza do presidente da Fundación, Jesús Castro; do concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far; e do historiador Víctor Santidrián.

    A exposición, que conta coa colaboración do Concello de Ferrol, está conformada por 19 paneis que presentan unha visión «anónima» da transición democrática española, ofrecendo un enfoque popular e non tanto un relato baseado nos grandes nomes. Os horarios de visita son os seguintes: de martes a sábado, de 11:30 a 14:00 e de 17:30 a 20:30; e domingo de 11:00 a 14:00, mentres que os luns estará pechado.

    A mostra forma parte do traballo divulgativo da Fundación 10 de Marzo e de CCOO de Galicia, co obxectivo de recuperar a memoria democrática e achegala á cidadanía, especialmente ao alumnado dos centros educativos. Así, aborda o significado da transformación ocorrida en España nos anos 70, o que supuxo de ruptura e de continuidade co réxime anterior e ata que punto a democracia é debedora de procesos inacabados nese momento.

    Ademais, a exposición, que abrangue desde antes do falecemento do ditador Francisco Franco ata máis aló da aprobación da Constitución, propón unha reflexión arredor da construción historiográfica feita en datas recentes, con visións contrapostas entre as interpretacións máis positivas —as maioritarias— e máis críticas, sostidas por autores como Josep Fontana.

    O historiador Víctor Santidrián, membro do padroado da Fundación 10 de Marzo, explica que a mostra, que prima a imaxe sobre o texto, buscar reforzar a idea de que o proceso foi eminentemente popular e non estivo predeterminado polas elites políticas. Nese senso, inclúe aspectos que adoito quedan fóra dos manuais escolares como a lingua e a cultura, as mulleres, a homofobia, a economía ou a movida madrileña. De xeito significativo, a política aparece no panel número 15, destacando o carácter non prioritario dos grandes nomes políticos no relato.