Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO homenaxea a Xan Caneda tras a súa xubilación: «Non é unha despedida, é unha celebración do teu compromiso»

    «Esperamos que continúes con ese bo traballo, pero agora desde a Federación de Pensionistas»

    03/03/2026.
    Xan Caneda, durante á homenaxe.

    Xan Caneda, durante á homenaxe.

    A Unión Comarcal de CCOO de Arousa celebrou o pasado sábado unha homenaxe ao histórico sindicalista Xan Caneda tras a súa recente xubilación logo de 50 anos de actividade. No acto estivo acompañado polos seus familiares, por veciños do Grove, por amizades e por compañeiros e compañeiras, tanto da Unión Comarcal coma do resto de Galicia, con quen compartiu afiliación á Federación de Servizos á Cidadanía.

    Tanto Juan Bao, secretario xeral en Arousa, coma Ramiro Otero, secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia, recoñeceron e resaltaron o seu labor e compromiso co sindicato: «Compañeiro Xan, isto non é unha despedida, é unha celebración do teu compromiso coas Comisións Obreiras e do teu bo traballo durante os 50 anos como afiliado ao noso sindicato. Esperamos que continúes con ese bo traballo, pero agora desde outra situación, a de pertencer á Federación de Pensionistas».

    Na homenaxe enxalzouse a súa dedicación ao sindicato e á súa afiliación. Unha dedicación e compromiso que lle veu desde moi novo. Nunca escatimou esforzos para que os dereitos das persoas traballadoras non caesen en saco roto. Sempre estivo á fronte de calquera mobilización, reivindicación ou defensa dos dereitos laborais da clase traballadora.

    Nunca esquivou un debate ou discusión. Sempre estivo disposto a axudar os compañeiros e compañeiras, a aconsellar naquelas situacións onde facía falta.