Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

O paro medra o dobre entre as mulleres e CCOO denuncia a falta de compromiso da Xunta para combater a desigualdade

    Pídelle ao Goberno que tome nota da positiva evolución do emprego nas actividades ligadas ao cambio de modelo produtivo para que non sexa só un dato conxuntural

    03/03/2026.
    Datos do paro do mes de xaneiro de 2026 | Imaxe: Google Street View

    Datos do paro do mes de xaneiro de 2026 | Imaxe: Google Street View

    Os datos coñecidos hoxe indican que, en febreiro, o paro rexistrado medrou en Galicia en 914 persoas, un 0,8 %, e a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 4902 afiliados e afiliadas (un 0,4 %). Se consideramos os datos da afiliación media mensual, esta sube en 4405 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (un 0,4 %).

    CCOO avalía positivamente o incremento da afiliación, pero ás portas do 8 de marzo temos que seguir denunciando que o desemprego feminino medra o dobre que o masculino, provocando unha situación de desigualdade das mulleres no mercado laboral galego e poñendo en evidencia a falta de compromiso da Xunta para mudar esta realidade.

    Cómpre tamén que o Goberno galego tome nota da positiva evolución do emprego nas actividades ligadas ao cambio de modelo produtivo no último mes para que non sexa só un dato conxuntural, senón que supoña unha aposta de país por uns sectores produtivos de alto valor engadido que favorezan a creación de emprego de calidade e a mellora do nivel de vida das galegas e dos galegos.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 48 632 homes (313 máis que en xaneiro) e 67 426 mulleres (601 máis que no mes anterior). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres. Atendendo ás idades, hai 5488 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (259 menos ca en xaneiro) e 110 570 maiores desa idade (655 máis).

    O paro diminúe en todos os sectores de actividade agás nos servizos: no primario hai 31 persoas desempregadas menos, na industria 11, na construción 5; pero sobe en 610 nos servizos. No colectivo sen emprego anterior, o desemprego medra en 351 persoas.

    En febreiro rexistráronse en Galicia 48 406 contratos, dos que 32 073 foron temporais e 16 333 indefinidos. O volume de contratos rexistrados en febreiro foi inferior nun 6,4 % aos formalizados no mes de xaneiro: a contratación indefinida cae un 2 %, mentres que a temporal o fai nun 8,4 %.

    De cada 100 contratos rexistrados, 34 son indefinidos, mentres que no Estado a proporción é de 44 de cada 100.

    Afiliación á Seguridade Social

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 4902 persoas ata situarse en 1 089 531 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento do 0,4 % respecto do mes anterior.

    A afiliación media mensual aumenta en 4405 persoas, o que sitúa o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 088 231. Deste total, 867 843 corresponden ao réxime xeral, 203 489 ao de autónomos e 16 900 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia increméntase un 0,4 %.

    Tendo en conta a evolución da afiliación nos réximes xeral e autónomos, comprobamos que no mes de febreiro a afiliación sobe de maneira importante na educación (1201 empregos máis), na industria manufactureira (1095 máis), nas actividades administrativas (878), na construción (638) e nas profesionais (506); pola contra, pérdese emprego no comercio e na Administración pública (609 e 258 afiliados e afiliadas menos, respectivamente).

    En xaneiro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 67 890 persoas: 44 521 prestacións contributivas e 23 369 subsidios.

    En relación cos erte do mes de febreiro, este mecanismo daba cobertura a 298 persoas a final do mes, das cales 236 estaban en erte por causas económicas, técnicas, organizativas ou produtivas (etop) e 62 en erte por forza maior. Do total de persoas afectadas, 186 son homes e 112 mulleres.