Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO denuncia que en OP Mobility Redondela non se están a recoñecer accidentes laborais nin enfermidades profesionais

    O sindicato avisa de que non permitirá que se volva a prácticas propias doutros tempos, cando os sinistros se ocultaban e as doenzas laborais se negaban para evitar responsabilidades

    09/03/2026.
    Instalacións de OP Mobility en Redondela / Google Maps

    Instalacións de OP Mobility en Redondela / Google Maps

    A sección sindical de CCOO en OP Mobility Redondela denuncia o «desleixo» da empresa no relacionado co recoñecemento de accidentes de traballo e de enfermidades profesionais, en especial para as persoas traballadoras contratadas a través da ETT Adecco e coa actuación da mutua Fremap, que de maneira reiterada está a negar ou cuestionar continxencias que claramente teñen unha orixe laboral. Esa situación tamén está a ocorrer coa mutua Maz coas persoas empregadas da compañía matriz.

    En todo caso, o sindicato sinala que a responsabilidade última é de OP Mobility Redondela. «Ten a obriga de garantir que tanto a ETT como as mutuas cumpran co seu deber e actúen correctamente cando se producen sinistros ou enfermidades derivadas do traballo», explica, e avisa de que Comisión Obreiras non vai aceptar que se intente diluír esa responsabilidade.

    «As persoas traballadoras, sexan do cadro de persoal ou a través de ETT, teñen dereito á protección e ao recoñecemento dos seus dereitos laborais e de saúde. Dicímolo alto e claro: non imos permitir que se volva a prácticas propias doutros tempos, cando os accidentes se ocultaban e as enfermidades laborais se negaban para evitar responsabilidades», advirte CCOO.

    A saúde do persoal non é unha cuestión secundaria nin unha variable de axuste, é unha obriga legal da empresa. Por iso, o sindicato esixe que OP Mobility asuma a súa responsabilidade e garanta que Adecco, Maz e Fremap cumpran a súa función e se recoñezan como accidentes laborais todas as situacións que realmente o son. «Desde CCOO imos seguir vixiantes e utilizaremos todas as ferramentas sindicais e legais necesarias para defender a saúde e os dereitos do persoal. Coa saúde das persoas traballadoras non se xoga», avisa.