Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO reclama aos asinantes do convenio da limpeza da Coruña que rectifiquen e recuperen a xubilación especial aos 64 anos

    A Federación do Hábitat remítelles un comunicado para que corrixan a supresión do artigo

    09/03/2026.
    CCOO consegue asinar o incremento do 9,8% no convenio da limpeza

    CCOO consegue asinar o incremento do 9,8% no convenio da limpeza

    A secretaria xeral de CCOO do Hábitat Galicia, Alejandra Gesto, reclamou este venres ás partes asinantes do convenio colectivo da limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña —CIG, UGT e as patronais provincial e estatal— que rectifiquen e reincorporen o artigo de xubilación especial aos 64 anos nos mesmos termos en que figuraba no convenio anterior.

    Alejandra Gesto remitiu este venres un escrito ás partes asinantes no que lles traslada formalmente a «profunda preocupación» pola eliminación do citado artigo, un feito «de enorme gravidade» nun sector moi feminizado, con porcentaxes moi elevadas de contratación a tempo parcial e cunha gran carga física.

    A continuación, reproducimos o comunicado enviado por CCOO do Hábitat aos asinantes:

    Dende CCOO Hábitat manifestamos a nosa profunda preocupación pola eliminación no actual texto do convenio do artigo relativo á xubilación especial aos 64 anos, unha medida que historicamente formou parte da regulación do sector e que non foi en ningún momento posta enriba da mesa durante o proceso de negociación colectiva.

    Esta eliminación supón un feito de enorme gravidade, xa que rompe coa continuidade necesaria desta modalidade de xubilación, que require a súa presenza nos convenios posteriores ao ano 2013 para poder seguir sendo aplicada.

    A xubilación especial aos 64 anos constitúe unha ferramenta fundamental para as persoas traballadoras do sector da limpeza. Trátase dun sector altamente feminizado, con porcentaxes moi elevadas de contratación a tempo parcial e cunha carga física importante ao longo da vida laboral. Esta fórmula permite a miles de limpadoras e limpadores acceder a unha xubilación anticipada en condicións máis xustas e dignas, posibilitando un adianto efectivo da idade de xubilación de ata tres anos sen mingua económica, o que resulta especialmente relevante nun sector marcado pola precariedade salarial.

    Por todo o anterior, instamos as organizacións sindicais CIG e UGT e as organizacións empresariais provincial e estatal asinantes do convenio a proceder de maneira inmediata á súa rectificación, mediante a elaboración dunha acta de corrección ou rectificación que permita reincorporar o artigo de xubilación especial aos 64 anos nos mesmos termos en que figuraba no convenio anterior.

    Estamos ás portas do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, unha data que nos lembra a necesidade de seguir avanzando en dereitos e igualdade real. Non se pode falar de igualdade mentres se eliminan instrumentos que permiten mellorar as condicións de xubilación dun sector composto maioritariamente por mulleres.

    Por iso apelamos á responsabilidade das partes asinantes para que fagan un esforzo adicional e corrixan esta situación canto antes. Rectificar é unha cuestión de xustiza social e de respecto ás traballadoras do sector.