Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

Acadado un preacordo no convenio estatal de elaborados do mar: máis salario, menos xornada e maior igualdade

    O texto garante incrementos retributivos contundentes para o período 2025-2029, a redución de 8 horas na xornada laboral e a inclusión de protocolos de diversidade LGTBI e contra o acoso sexual ou por razón de sexo

    12/03/2026.
    Protesta de CCOO durante a negociación dun convenio anterior.

    Protesta de CCOO durante a negociación dun convenio anterior.

    O pasado 10 de marzo de 2026, a comisión negociadora do Convenio colectivo estatal de elaborados de produtos do mar acadou un preacordo moi positivo para as persoas traballadoras do sector. Dende CCOO de Industria valoramos este avance que mellora dereitos sen ningún tipo de retroceso nin concesión patronal, garantindo importantes subas salariais para quen, co seu esforzo, sostén esta industria estratéxica.

    A loita sindical dá os seus froitos. Este preacordo, que terá unha vixencia dende o 1 de xaneiro de 2025 ata o 31 de decembro de 2029, blinda o poder adquisitivo do persoal fronte á inflación durante os vindeiros anos.

    Para o ano 2025, acórdase un incremento do 4 % con efectos dende o 1 de xaneiro. Aplícase unha cláusula ao IPC co límite dun 1 % en caso de que este sexa superior (o IPC pechou nun 2,9 %). Todo isto vai en liña co acordo parcial xa acadado previamente. No ano 2026, dende o 1 de xaneiro, garántese un incremento anual do 5,20 % para as persoas traballadoras dos grupos 1, 2 e 3. Para o resto dos grupos (5, 6, 7 e 0), o incremento será do 4,5 %. Mantense a cláusula de actualización a táboas ao IPC co límite do 1 % se este indicador é superior. Para o ano 2027, fíxase unha suba do 4 %. Volverá contar coa cláusula de actualización a táboas ao IPC limitada ao 1 % se for superior. Nos anos 2028 e 2029, o incremento será do IPC pasado máis un 1 %, sen ningún tipo de límite nin tope ningún.

    O plus de serra sobe linealmente, pasando da contía actual de 102,21 euros mensuais a 125 euros mensuais. Isto supón un avance de máis do 22 %. Pola súa banda, o plus de refrixerado ascende dende os 199,68 euros actuais a 250 euros, logrando un espectacular incremento superior ao 25 %.

    Máis tempo para a nosa vida

    Logramos unha redución da xornada máxima anual en 8 horas totais. Restaranse catro horas a partir do 1 de xaneiro de 2027 e outras catro dende o 1 de xaneiro de 2028. Con isto, a xornada máxima legal situarase en 1720 horas, rozando xa o obxectivo histórico das 1712 horas, que equivale a 37,5 horas semanais de media.

    As funcións que se realicen con carretilla retráctil e/ou elevadora pasan a encadrarse no nivel salarial do grupo 3. Isto aplicarase sen prexuízo das melloras máis beneficiosas para o cadro de persoal que xa estean establecidas no ámbito de cada empresa.

    Un sector máis feminista e diverso

    O texto final incluirá medidas concretas e un protocolo específico para a protección das persoas LGTBIAQ+. Tamén se incorpora un protocolo contra o acoso sexual ou por razón de sexo, utilizando como referencia os textos doutros convenios estatais da industria alimentaria.

    Para que este preacordo teña plena validez, ten que ser ratificado durante o presente mes de marzo polas organizacións sindicais con máis representación no sector e na mesa (CCOO de Industria e UGT-FICA), así como pola patronal CONXEMAR.

    Como sindicato de clase, democrático e participativo que somos, dende CCOO iniciaremos decontado o proceso de consultas para dar a coñecer estes avances e ratificar, ou non, o presente preacordo dentro do prazo establecido.

    Dende as nosas redes e canles oficiais seguiremos informando de todos os movementos. A túa participación neste proceso é clave para seguir construíndo un sindicato forte e garante dos nosos dereitos.