Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO de Galicia valora a declaración institucional coa que o Goberno recoñece as vítimas de 10 de marzo de 1972

    O texto aprobado en Consello de Ministros salienta o papel do Sindicato Nacional das Comisións Obreiras na creación do Día da Clase Obreira Galega

    12/03/2026.
    Acto do Día da Clase Obreira Galega de 2026.

    Acto do Día da Clase Obreira Galega de 2026.

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia quere poñer en valor a declaración institucional aprobada polo Goberno central na que fai un recoñecemento ás vítimas da represión franquista practicada o 10 de marzo de 1972 en Ferrol e condena a actuación desproporcionada da Policía Armada. O texto foi aprobado no Consello de Ministros do pasado martes, coincidindo co aniversario dos sucesos e, polo tanto, no Día da Clase Obreira Galega.

    A declaración, ratificada por proposta dos Ministerios de Política Territorial e Memoria Democrática e de Traballo e Economía Social, recoñece expresamente o papel do Sindicato Nacional das Comisións Obreiras de Galicia na instauración do 10M como o Día da Clase Obreira Galega, grazas a unha resolución aprobada en 1978, durante o seu primeiro congreso. O Goberno lembra que todas as persoas represaliadas pertencían a CCOO.

    O Goberno, con este texto aprobado 54 anos despois duns feitos que narra de maneira sucinta, expresa o seu recoñecemento e a súa homenaxe aos dous asasinados pola policía franquista, Amador Rey e Daniel Niebla, a todas as persoas que resultaron feridas e aos seus familiares, ademais de salientar a transcendencia histórica do ocorrido.

    «Cinco décadas despois daqueles feitos, o Goberno considera que a memoria das vítimas forma parte inseparable do patrimonio democrático común de Ferrol e do conxunto da sociedade, e constitúe un recordatorio permanente do valor da dignidade do traballo, a xustiza social, o diálogo e a paz», conclúe a declaración.