Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

O convenio do metal de Pontevedra non avanza: a patronal dálles as costas ás necesidades reais das persoas traballadoras

    Despois da sexta xuntanza da mesa negociadora, a actitude da patronal segue a ser inmobilista

    13/03/2026.
    Un traballador do metal.

    Un traballador do metal.

    O pasado 11 de marzo celebrouse a sexta reunión da mesa negociadora do convenio do metal de Pontevedra e, por desgraza, o optimismo da patronal choca frontalmente coa realidade que vivimos nos centros de traballo. Mentres eles afirman que «as posicións están próximas», a verdade é que manteñen un bloqueo case total sobre as propostas de carácter social e económico.

    A patronal está a mostrar unha actitude profundamente desganada cando toca falar das pretensións que realmente melloran a vida da xente e que supoñen un custo económico para as empresas. Negan calquera avance real na redución da xornada laboral ou en melloras substanciais das licenzas retribuídas, fundamentais para a conciliación da nosa clase traballadora.

    Un dos puntos de maior fricción e debate é a cláusula de revisión salarial respecto ao IPC. A patronal, aínda que acepta a nosa esixencia de incorporar esta cláusula con carácter retroactivo —algo innegociable para non perder poder adquisitivo—, teima en impoñer un tope salarial.

    Desde CCOO somos tallantes: a protección dos salarios fronte ao custo da vida non pode ter «letra pequena» nin topes que acaben empobrecendo as persoas traballadoras. A patronal tampouco moveu un só milímetro a súa proposta económica xeral e insiste en atarnos a un convenio de cinco anos de duración.

    Un sector especializado merece un convenio de referencia

    O metal na provincia de Pontevedra é un sector altamente especializado, que sostén unha demanda e unha carga de traballo enorme. As compañeiras e compañeiros do metal non poden seguir sostendo estes ritmos de produción cun convenio que non estea á altura.

    Esixímoslle á patronal que faga un traballo real de mellora do texto para convertelo nun convenio de referencia, e non nun mero trámite de mínimos.

    Noutros puntos tratados na reunión houbo pequenos movementos que, aínda que insuficientes, demostran que a presión sindical é o único camiño:

    -- Vacacións: aceptan 24 días laborais (condicionado a un acordo global).

    -- Categorías profesionais: recoñecen por fin a necesidade de diferenciar claramente a categoría de oficial de 1.ª da de 2.ª. Este fito tratarase na comisión específica o vindeiro día 17.

    -- Licenzas e permisos: ábrense a un pequeno crédito horario (ata 12 h/ano) para a quenda de noite, e a certa flexibilidade no gozo das licenzas por matrimonio ou mudanza.

    -- Saúde laboral e subcontratación: mostran disposición a falar de estrés térmico e subcontratación, pero sempre con "peros" e limitándose a casos moi concretos; adermais, néganse a limitar o uso do contrato fixo-descontinuo, unha ferramenta que non pode servir para precarizar o sector.

    A loita continúa

    Este convenio ten que servir para dignificar o sector do metal, mellorar a vida das persoas traballadoras e garantir salarios xustos, nun contexto laboral seguro e igualitario. Calquera acordo que non avance de forma valente nesa dirección, simplemente, non será aceptable para nós.

    A vindeira reunión será o mércores, 24 de marzo. Instamos a afiliación e a todos os cadros de persoal a manterse informados e unidos. Só coa forza da nosa unión lograremos dobregar este inmobilismo.

    Sempre adiante! Polos nosos dereitos, polo noso futuro.