Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO denuncia unha situación xeneralizada de desprotección á saúde laboral no sector industrial da comarca de Vigo

    O caso de OP Mobility Redondela non é illado e o sindicato advirte de que tomará medidas se as mutuas e as Administracións competentes non actúan

    13/03/2026.
    Un traballador corta pedra.

    Un traballador corta pedra.

    CCOO Industria de Vigo quere aclarar que a denuncia sobre a saúde laboral realizada días atrás pola súa sección sindical en OP Mobility Redondela é o reflexo dun problema que está xeneralizado no noso ámbito industrial.

    Naquel momento sinalouse unha situación concreta nunha empresa determinada pola denuncia da sección sindical. Porén, debemos deixar claro que o ocorrido en OP Mobility non é un caso illado nin excepcional. Pola contra, é o reflexo dun problema estrutural que se está a producir en moitas empresas do sector industrial da comarca de Vigo.

    Desde CCOO Industria de Vigo denunciamos que existe unha grave situación de desprotección da saúde dos traballadores e traballadoras. A sanidade pública encóntrase saturada e con enormes dificultades para responder con axilidade, e as mutuas —que deberían garantir a correcta atención en materia de saúde laboral— están fallando de forma reiterada na súa responsabilidade.

    Non estamos falando de erros puntuais. Falamos de prácticas que se repiten: atrasos inxustificables en diagnósticos, negativas sistemáticas a recoñecer continxencias profesionais, derivacións constantes á sanidade pública e, en demasiados casos, ocultación ou infradeclaración de enfermidades profesionais e incluso de accidentes laborais.

    Isto significa, na práctica, trasladar o custo da saúde laboral aos propios traballadores e traballadoras e ao sistema público, mentres se nega o recoñecemento de danos derivados do traballo.

    Esta problemática estase producindo de forma especialmente grave en sectores estratéxicos para a nosa comarca, como a automoción e o naval, onde miles de traballadores e traballadoras están expostos diariamente a riscos físicos importantes e onde o recoñecemento de enfermidades profesionais debería ser unha prioridade.

    Desde CCOO Industria de Vigo advertimos con claridade: non imos aceptar que se siga mirando para outro lado mentres se deteriora a saúde do persoal nas nosas fábricas.

    Por iso o sindicato está denunciando estas situacións en todas as instancias posibles e estudando a posta en marcha de accións legais, sindicais e de mobilización para obrigar a que se recoñezan as enfermidades profesionais, se depuren responsabilidades e se poña fin a estas prácticas.

    A saúde dos traballadores e traballadoras non pode ser moeda de cambio nin un problema que se oculte nos despachos. Se as mutuas e as Administracións competentes non actúan, CCOO actuará.