Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

O TACGAL dálle a razón a CCOO: outra chapuza máis do Concello de Lugo

    O Tribunal Administrativo de Contratación Pública (TACGAL), adscrito á consellería competente en materia de facenda, desmonta os pregos do programa «Aprende Xogando» e confirma as denuncias que CCOO ven facendo desde hai meses.

    13/03/2026.
    «Aprende a contratar»

    «Aprende a contratar»

    Un goberno que se autodenomina progresista e social non pode permitirse ignorar as necesidades das familias e da infancia para tentar aforrar uns euros. Pero iso é exactamente o que fixo o Concello de Lugo co programa municipal de conciliación «Aprende Xogando».

    A resolución do TACGAL, que estima o recurso presentado por CCOO, deixa en evidencia unha xestión irresponsable da Concellería de Igualdade. Os pregos carecían de concreción nas ratios entre monitores e menores, non prevían a atención a menores con necesidades educativas especiais e omitían información sobre as condicións de habitabilidade, seguridade e accesibilidade dos espazos.

    Unha concepción preocupantemente limitada

    Pero o máis grave é o contido do informe do Servizo de Igualdade municipal, onde se afirma literalmente que o programa «non constitúe un recurso educativo regrado» e que, por iso, non se contemplan necesidades educativas especiais. Unha barbaridade pedagóxica que revela unha visión reducionista e perigosa.

    Que unha ocioteca non sexa educación regrada non significa que non sexa un espazo educativo. A educación non formal —reconocida por organismos internacionais— ten un impacto real no desenvolvemento infantil. Negar esa dimensión é ignorar décadas de investigación en pedagoxía. E é dobremente irresponsable cando se trata de nenos e nenas que acoden a estes espazos precisamente porque as súas familias necesitan conciliar a vida laboral e familiar.

    Rectificación urxente e responsabilidades

    O TACGAL confirma tamén a falta de previsión para menores con necesidades educativas especiais, sinalando a necesidade dun deseño concreto que garanta a súa atención.

    CCOO esixe ao Concello de Lugo que rectifique de inmediato e que garanta un modelo de conciliación que poña no centro ás familias, ás persoas traballadoras e, sobre todo, aos nenos e nenas. Non é admisible que unha administración que presume de progresista xogue con dereitos fundamentais para aforrar uns euros.