Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO convoca unha concentración na Coruña contra os despedimentos de traballadoras de baixa en Maga Limpiezas

    Comisións Obreiras critica que UGT e CIG as deixaran na indefensión e reproba os que presumen de «músculo sindical» e logo non fan nada polas persoas traballadoras

    16/03/2026.
    Concentración contra os despedimentos en Maga.

    Concentración contra os despedimentos en Maga.

    CCOO do Hábitat Galicia convoca unha concentración na Coruña para mañá martes, entre as 14:00 e as 15:00, contra os despedimentos de varias traballadoras —algunhas delas en período de incapacidade temporal— da empresa Maga Limpezas. A protesta terá lugar diante de Comar, na rotonda da Grela, xa que nesta segunda empresa é onde limpaban as despedidas e, anteriormente, formaban parte do seu cadro de persoal.

    Maga conta cun comité de empresa de nove persoas delegadas, das que seis son de UGT e tres da CIG, que non está a facer nada contra os despedimentos de cinco compañeiras, dúas delas afiliadas do sindicato nacionalista. Na mesma carta de despedimento, a empresa «oferta traballo» e incluso pon na rúa a persoas de baixa; porén, ninguén do comité nin deses dous sindicatos quixo axudarlles e trasladáronlles que non tiñan nada que facer.

    Ante esa indefensión, as traballadoras acudiron a CCOO, un porto seguro e o único sindicato onde se defenden os intereses das persoas traballadoras da limpeza. O sindicato puxo a súa asesoría a disposición das despedidas, tamén para as persoas da CIG que quedaron «colgadas», e agora vaise mobilizar para defendelas, porque non lle ten medo nin a Maga nin a Comar, que antes tiña contratadas as despedidas e logo externalizou o servizo.

    CCOO critica que os que tanto presumen de «músculo sindical» deixaran na indefensión as traballadoras. «Coidado co músculo sindical, que pode ser músculo empresarial», apunta Comisións Obreiras, que chama a todo o sector a apoiar a mobilización deste martes: «Acude, organízate, apoia, defende, mañá podes ser ti».