Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO explica en Previsel como afrontar as enfermidades profesionais e os accidentes laborais

    O sindicato ensina a estudantes a prepararse en materia de prevención para o seu primeiro traballo

    16/03/2026.
    CCOO, en Previsel 2026.

    CCOO, en Previsel 2026.

    Unha representación de CCOO de Galicia estivo o pasado mércores, 11 de marzo, na 19.ª edición do Salón da Prevención e da Seguridade Laboral Previsel, celebrado en Ourense, onde, amais de prestar asesoramento, explicaron nocións básicas sobre como afrontar as enfermidades profesionais e os accidentes laborais, con pautas de actuación en caso de que a mutua negue a orixe laboral da doenza.

    Dada a asistencia de estudantado de Formación Profesional que está a piques de entrar no mercado laboral, o relatorio de Comisións Obreiras, baixo o título «Enfermidades profesionais: acción sindical e identificación», tamén incidiu en como prepararse para ese primeiro posto de traballo desde o punto de vista da prevención da saúde. A sesión correu a cargo de Manuela Caneda, técnica de Saúde Laboral de CCOO de Galicia, e de Armando Iglesias, secretario de Saúde Laboral do Sindicato Nacional.

    Ademais desa xornada formativa, CCOO participou cun posto en que se deu asesoramento tanto a persoas como a colectivos que amosaron interese no sindicato.