Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

O Concello de Ourense debe horas extra a seus funcionarios desde hai case dous anos

    CCOO denuncia a carencia estrutural de persoal e critica que se abuse da vocación polo traballo público

    17/03/2026.
    Casa consistorial de Ourense. // Google Maps

    Casa consistorial de Ourense. // Google Maps

    A Sección Sindical de CCOO do Concello de Ourense denuncia o impagamento das horas extras realizadas por todas as traballadoras e traballadores públicos desta Administración.

    A escaseza de persoal que empezaron a sufrir todas as Administracións públicas iniciouse durante a crise do 2009/2011. Esta situación provocou que o Estado limitara as ofertas de emprego durante estes últimos anos, poñendo en risco a eficiencia administrativa e os servizos do persoal da función pública.

    Volvendo ao presente, os servizos do Concello de Ourense levan anos padecendo esta falta, sen que a ningún grupo de goberno lle importen realmente as consecuencias.

    CCOO denunciou publicamente que escatimen decontino levar a cabo as ofertas de emprego e promocións internas e, incluso, as poucas que foron aprobadas pasaron anos sen se executar, coa consecuente perda da opción de contratar persoal en todos os seus grupos e niveis.

    Esta falta de traballadores e traballadoras públicos, provocada polos responsables políticos do Concello de Ourense, pon en risco o bo facer de servizos como a Policía local, Bombeiros, Servizos Sociais, Fogar do Transeúnte e mesmo a propia Administración xeral, o que deteriora o benestar de toda a veciñanza da cidade.

    Cando esta carencia chegou a situacións críticas, a Administración solucionouno ofrecendo horas extras ao persoal dalgúns servizos, garantindo ofertas de emprego próximas que, en moitas ocasións, nin se executaron ou nin sequera se aprobaron.

    Bombeiros e Policía local, os dous colectivos máis grandes, ata chegaron a negarse a realizar máis horas extras como medida de presión para lograr que os gobernos municipais incorporasen máis persoal público.

    Pero, por se isto fose pouco e para completar a desfeita laboral, moitos destes funcionarios e funcionarias, comprometidos coa súa vocación polo traballo público, levan sen cobrar as horas extras realizadas case dous anos.

    Nestes momentos, o Concello de Ourense debe as seguintes horas extras:

    — Ano 2024: mes de setembro

    — Ano 2025: meses de xullo, agosto, setembro, outubro, novembro e decembro

    — Ano 2026: meses de xaneiro e febreiro

    Na Mesa xeral de negociación, celebrada o 9 de setembro de 2025, os responsables desta Administración adquiriron o compromiso de aboar as horas extras realizadas nun prazo máximo de dous meses a todas as traballadoras e traballadores públicos desta Administración, o que os obrigaba a pagar as horas extras de xaneiro de 2026 na próxima nómina do mes de marzo e, concretamente, para o Servizo de bombeiros aseguraron que a incorporación de 14 efectivos estaría resolta en xuño deste ano.

    Para rematar, queremos lembrar que as Administracións públicas, aínda sendo entes xurídicos, están dirixidas por responsables técnicos, elixidos polos responsables políticos que teñen nome e apelidos e que, en definitiva, levan a cabo o sucio labor de incumprir compromisos e xustificalos con escusas hipócritas e mentiras infinitas.

    Esperamos a próxima nómina e manterémosvos informados.