Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO forza a corrección de erros graves nas achegas ao plan de pensións da construción en Pontevedra

    A denuncia do sindicato evitou recortes de máis do 50 % nas contías das persoas traballadoras e permitiu pechar a actualización salarial e extrasalarial do convenio provincial

    17/03/2026.
    Trablladores da construción.

    Trablladores da construción.

    CCOO do Hábitat logrou que se convocara novamente a reunión do convenio provincial da construción de Pontevedra tras detectar erros importantes nos cálculos das achegas ao plan de pensións sectorial incluídos nos acordos tratados previamente.

    A intervención do sindicato resultou decisiva para corrixir unha situación especialmente grave, xa que os erros detectados supuñan, nalgúns casos, unha redución superior ao 50 % das contías que lles correspondían ás persoas traballadoras. Ante esta situación, CCOO esixiu a revisión inmediata dos cálculos e a reformulación da proposta.

    Como consecuencia desta actuación sindical, corrixíronse as contías e trasladouse un novo documento ás organizacións presentes, que foi debatido na reunión celebrada este luns, 16 de marzo.

    Durante a sesión aprobáronse cuestións fundamentais para o sector. Entre elas, a actualización das táboas salariais para 2025 e 2026, de acordo co establecido no VII Convenio Xeral do Sector da Construción. Así, aplicarase un 0,4 % adicional sobre as táboas de 2024, con efectos desde o 1 de xaneiro de 2025, sen efectos retroactivos; un incremento salarial do 3,5 % para 2025; e un incremento do 3 % para 2026. Ademais, establécese unha cláusula de garantía salarial vinculada á evolución do IPC para os anos 2025 e 2026.

    No relativo ao plan de pensións sectorial, e unha vez corrixidos os erros denunciados por CCOO, acordáronse novas contribucións empresariais para adaptar o convenio provincial ao marco estatal. En concreto, para 2025 establécese un incremento adicional do 0,5 % sobre os conceptos salariais das táboas de 2024, unha vez aplicado o incremento previo do 0,4 %, e para 2026 fíxase unha contribución do 0,25 % sobre os conceptos salariais das táboas de 2025.

    A reunión serviu tamén para actualizar diferentes conceptos extrasalariais recollidos no convenio, entre eles o desgaste de ferramentas, a compensación por falta de entrega da roupa de traballo e as axudas de custo por desprazamento.

    Outro dos avances acadados foi a ampliación da xornada intensiva de verán a tres meses, mantendo ademais os 15 minutos de pausa para o bocadillo como tempo efectivo de traballo, unha medida que supón unha mellora relevante nas condicións laborais do persoal do sector.

    Desde CCOO do Hábitat valoramos este resultado como unha demostración clara da importancia da acción sindical útil e rigorosa. Vixiar, detectar erros, denunciar e corrixir segue a ser fundamental para garantir que os dereitos das persoas traballadoras se respecten íntegramente e que ningunha contía quede polo camiño.