Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

As traballadoras da limpeza, contra os despedimentos en Maga: «A dignidade non se despide!»

    CCOO do Hábitat denuncia a complicidade de CIG e UGT coas empresas ao deixar as traballadoras na indefensión

    18/03/2026.
    Concentración ante Comar polos despedimentos en Magar.

    Concentración ante Comar polos despedimentos en Magar.

    As «fregonas violetas» berraron este martes con forza ante a sede da empresa Comar, na Coruña, para protestar polo despedimento de cinco compañeiras de Maga Limpiezas, varias delas estando de baixa médica cando recibiron a comunicación de que as botaban. Con lemas como «a dignidade non se despide!» ou «non somos números, somos traballadoras», as convocadas por CCOO do Hábitat denunciaron a actitude de ambas as empresas ante a pasividade de CIG e UGT, presentes no comité de Maga.

    A concentración fíxose diante de Comar, na rotonda da Grela, porque alí prestaban servizos as despedidas e era onde estaban contratadas antes de que se externalizara a limpeza. Por iso berraron: «Comar ordena, Maga executa».

    Maga conta cun comité de empresa de nove persoas delegadas, das que seis son de UGT e tres da CIG, que non está a facer nada contra os despedimentos de cinco compañeiras, dúas delas afiliadas do sindicato nacionalista. Na mesma carta de despedimento, a empresa «oferta traballo» e incluso pon na rúa persoas de baixa; porén, ninguén do comité nin deses dous sindicatos quixo axudarlles e trasladáronlles que non tiñan nada que facer.

    Ante esa indefensión, as traballadoras acudiron a CCOO, un porto seguro e o único sindicato onde se defenden os intereses das persoas traballadoras da limpeza. O sindicato puxo a súa asesoría a disposición das despedidas, tamén para as persoas da CIG que quedaron «colgadas», e agora mobilizouse para defendelas, porque non lle ten medo nin a Maga nin a Comar.

    CCOO critica que os que tanto presumen de «músculo sindical» deixaran na indefensión as traballadoras. «Coidado co músculo sindical, que pode ser músculo empresarial», apunta Comisións Obreiras.