Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Abril 2026.

O TSXG anula o intento do alcalde de Pontevedra de usurpar as competencias do Pleno e silenciar a representación social

    Dúas sentenzas, xa firmes, confirman que vulnerou a soberanía da Corporación ao inadmitir alegacións sindicais a pesar dos informes contrarios dos técnicos municipais

    24/03/2026.
    Sentenza contra o Concello de Pontevedra.

    Sentenza contra o Concello de Pontevedra.

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia obtivo a estimación firme de dous recursos contencioso administrativos contra o Concello de Pontevedra que deixan en evidencia unha práctica autoritaria e ilegal do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores: a conversión dunha ferramenta democrática en mecanismo de anulación da representación cidadá.

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, mediante as sentenzas ditadas o 21 de xaneiro de 2026 (procedementos ordinarios núms. 165/2025 e 200/2024), declarou a nulidade da resolución da alcaldía do 21 de marzo de 2024 que inadmitía as alegacións presentadas por CCOO —tanto desde o Consello Económico e Social como polos delegados sindicais da sección sindical— contra o orzamento xeral de 2024 e o seu cadro de persoal. Os decretos de firmeza do 17 e 18 de marzo de 2026 confirman que o Concello non interpuxo recurso de casación, quedando as resolucións xudiciais consentidas e executables.

    As resolucións xudiciais confirman o que CCOO viña denunciando: que o alcalde de Pontevedra usurpou unha competencia exclusiva do Pleno da corporación para evitar que este se pronunciase sobre as alegacións. Pero a manobra vai alén dunha mera infracción competencial: o alcalde estendeu artificialmente a cuestión de confianza á aprobación definitiva dos orzamentos para eludir un segundo pronunciamento da corporación que xa rexeitara maioritariamente o seu proxecto.

    Os feitos son reveladores. O Pleno municipal, na sesión do 29 de decembro de 2023, desestimou a proposta orzamentaria. Ante o rexeitamento, o alcalde acudiu á cuestión de confianza do artigo 197 bis da LOREG, que foi novamente rexeitada por maioría o 8 de xaneiro de 2024 (11 votos en contra, 9 a favor e 5 abstencións). Transcorrido o prazo legal sen que se presentase moción de censura, o alcalde entendeu aprobados inicialmente os orzamentos ope legis —o cal, en si mesmo, é discutible— pero impediu que o Pleno puidese pronunciarse sobre as alegacións presentadas no trámite de exposición pública, arrogándose el mesmo a súa inadmisión mediante decreto.

    O obxectivo era claro: evitar que unha corporación maioritariamente contraria aos orzamentos tivese a última palabra sobre a súa aprobación definitiva. A cuestión de confianza, concibida polo lexislador para desbloquear situacións de parálise, foi convertida en instrumento de goberno unipersoal, estendendo o seu efecto máis alá do legalmente previsto para privar os representantes elixidos da súa función esencial: o debate e a decisión sobre os asuntos municipais.

    Persoal técnico e cidadanía, ignorados

    A actitude do alcalde resulta especialmente grave se se considera que os informes técnicos municipais —da interventora e do secretario xeral do Pleno— sinalaban que a resolución das alegacións correspondía ao Pleno. Incluso a interventora, nun informe do 21 de marzo de 2024, advertía que «non parece que sen previsión legal específica [...] poida falarse de competencia da Alcaldía para resolver as reclamacións e aprobar definitivamente o orzamento».

    O propio secretario xeral do Pleno, en informe do 18 de abril de 2024, deixaba constancia de que «o pronunciamento definitivo sobre as alegacións presentadas [...] competiría, na nosa opinión, ao Pleno», engadindo que o criterio do Tribunal Supremo implicaba o sometemento das alegacións ao Pleno.

    Malia estas advertencias, o alcalde optou polo «decretazo», inadmitindo as alegacións mediante resolución unilateral e declarando a aprobación definitiva do orzamento ope legis, secuestrando a soberanía da corporación.

    As sentenzas non só confirman a vulneración da soberanía do Pleno, senón que rexeitan expresamente os intentos do Concello de deslexitimar a representación sindical. A Administración demandada alegou a falta de lexitimación de CCOO para recorrer, argumento que o tribunal desestima rotundamente ao confirmar a lexitimación activa do sindicato tanto na súa condición de representante no Consello Económico e Social —órgano de participación onde están presentes axentes sociais, partidos políticos e Goberno— como a través dos seus delegados de persoal.

    Esta estratexia procesual, orientada a arquivar a demanda pola vía da deslexitimación do sindicato, evidencia unha vontade de obstaculizar o acceso á xustiza e silenciar as voces críticas contra a xestión orzamentaria municipal.

    Exixencias de CCOO

    Ante a firmeza das sentenzas —declarada mediante decretos do 17 e 18 de marzo de 2026 tras o silencio do Concello no prazo para recorrer en casación—, CCOO exixe:

    — O cumprimento inmediato e incondicional das resolucións xudiciais, que sinalan que lle corresponderá á entidade demandada a forma de resolver a situación. A Administración carece xa de calquera vía de impugnación; a resistencia ao cumprimento configuraría desobediencia xudicial.

    — Asumir a responsabilidade política pola vulneración da separación de poderes, a prensión de concentración de competencias plenarias na figura do alcalde e o uso partidista da cuestión de confianza para eludir a maioría municipal. A actitude do alcalde—que desoíu os seus propios técnicos, tentou deslexitimar o sindicato e ata agora opta polo silencio ante a firmeza das sentenzas— revela unha concepción autoritaria da xestión pública.

    — Garantías de non repetición para que os procedementos de aprobación orzamentaria respecten escrupulosamente a participación cidadá, a negociación colectiva e a soberanía do órgano de representación municipal, sen que a ferramenta da cuestión de confianza poida ser utilizada como mecanismo de evasión democrática.

    — Modificación do regulamento orgánico do Pleno e as súas comisións do Concello de Pontevedra, para trasladar a decisión xudicial.

    CCOO reafirma o seu compromiso coa defensa dos dereitos laborais, a transparencia democrática e o control da xestión pública. Advirte ao BNG, e en concreto ao alcalde Fernández Lores, que definirse politicamente como de «esquerdas» e «portar as pancartas» non lle outorga un escudo ante a acción sindical e por iso CCOO seguirá utilizando todos os instrumentos legais ao seu alcance —incluídas as vías de execución de sentenza — para impedir que a arbitrariedade duns poucos vulnere os dereitos da maioría.