Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Abril 2026.

CCOO de Galicia defende o preacordo no convenio estatal do comercio téxtil: mellora as condicións para o 95 % do persoal sen perdas salariais para ninguén

    O texto garante unha cláusula para que nas provincias con convenio propio con salarios máis elevados non haxa reducións, ademais doutras melloras en materia de xornadas e descansos

    25/03/2026.
    Asemblea de persoas traballadoras do sector, celebrada en decembro.

    Asemblea de persoas traballadoras do sector, celebrada en decembro.

    Ante as valoracións críticas realizadas en relación co preacordo do I Convenio Colectivo Estatal de Grandes Cadeas do Comercio Téxtil e do Calzado, acadado coa patronal ARTE, CCOO de Galicia considera necesario trasladar algunhas aclaracións para garantir unha información precisa á opinión pública e aos cadros de persoal do sector.

    En primeiro lugar, o preacordo non supón unha perda de dereitos salariais. O texto incorpora unha cláusula de complemento ad personam que garante o mantemento das condicións salariais que estivesen por encima nos convenios provinciais. Polo tanto, ningunha persoa traballadora verá reducido o seu salario actual.

    O obxectivo do convenio estatal é establecer un marco común de dereitos mínimos que evite desigualdades entre territorios. Ata agora, podían producirse diferenzas relevantes nas condicións laborais dentro dunha mesma empresa en función da localización xeográfica. O preacordo corrixe esta situación fixando garantías homoxéneas, sen eliminar as melloras previamente consolidadas.

    Neste sentido, a aplicación de táboas salariais, redución da xornada anual e conciliación da vida laboral e familiar supón tamén un avance cuantitativo en máis do 95 % dos convenios provinciais no ámbito estatal. Con respecto á nosa comunidade autónoma, o salto é moi relevante en provincias como Ourense e Lugo, onde se produce unha mellora efectiva destas condicións en convenios actualmente obsoletos no seu texto e con salarios en smi, como comercio téxtil de Lugo, sen actualizar desde xaneiro de 2016; comercio pel e calzado de Lugo, sen negociar nin actualizar desde xaneiro de 2010; comercio téxtil de Ourense, sen negociar nin actualizar desde xaneiro de 2024; comercio pel de Ourense, sen negociar nin actualizar desde xaneiro de 2013.

    Dáse así un paso nunha reivindicación histórica, «a igual traballo, igual salario», con independencia do territorio.

    Outras melloras

    En relación coa xornada, o acordo recolle unha redución progresiva ata as 1740 horas anuais en 2028, por baixo da propia proposta que non puido pactar o Goberno coa CEOE canto a redución da xornada laboral. Así mesmo, increméntanse as fins de semana completas de descanso, ata chegar a 11 ao ano, o que supón unha mellora en termos de conciliación da vida laboral e persoal.

    Esta redución de xornada, xunto coas novas táboas salariais, implica un aumento significativo do prezo hora. Este aspecto resulta especialmente relevante nun sector cunha alta presenza de contratación a tempo parcial, que impacta de maneira directa nas condicións económicas de moitas traballadoras. Ademais, o preacordo establece unha garantía de contratación mínima de 24 horas semanais, contribuíndo a unha maior estabilidade laboral.

    Respecto ao traballo en domingos e festivos, o preacordo establece a súa regulación, inclúe compensacións económicas crecentes e reforza a planificación de horarios, incorporando ademais medidas de protección en datas especialmente sensibles.

    CCOO considera moi preocupante que se estean trasladando á opinión pública interpretacións parciais ou directamente erróneas sobre o contido do preacordo. Parte destas críticas apóianse en cuestións que nin sequera foron abordadas aínda na negociación, o que distorce o debate e xera unha alarma inxustificada entre os cadros de persoal.

    Así mesmo, resulta pouco rigoroso presentar como retrocesos medidas que, en realidade, consolidan dereitos, elevan salarios mínimos e corrixen desigualdades históricas no sector. Este tipo de mensaxes non contribúen a mellorar o acordo nin a defender os intereses das persoas traballadoras, senón que dificultan unha análise obxectiva do proceso negociador.

    CCOO subliña que este preacordo é froito da negociación colectiva e constitúe unha base sólida para seguir avanzando. O sindicato continuará traballando no desenvolvemento do texto definitivo co obxectivo de reforzar e ampliar os dereitos laborais no sector.

    Desde a organización insístese na necesidade de actuar con responsabilidade e rigor informativo, sobre todo nun proceso desta relevancia, e reafírmase o compromiso de seguir defendendo melloras reais e efectivas para o conxunto das traballadoras e traballadores.