Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Abril 2026.

A Xunta de Persoal docente da Coruña pide o cesamento do novo director territorial, que plantou a primeira reunión

    Freire Abeijón non avisou da súa ausencia na xuntanza desta mañá e xustificouna por un incidencia «urxente» nun centro de Lousame da que era coñecedor desde onte

    25/03/2026.
    Os representantes sindicais, esta mañá na Xunta de Persoal.

    Os representantes sindicais, esta mañá na Xunta de Persoal.

    A Xunta de Persoal docente da Coruña —conformada por CIG-Ensino, CCOO Ensino, ANPE e STEG— quere manifestar publicamente o seu firme rexeitamento ao nomeamento do novo director territorial, José Santiago Freire Abeijón, ao considerar que non reúne o perfil profesional nin persoal axeitado para desempeñar un cargo de tal relevancia no ámbito educativo.

    O pasado luns, 23 de marzo, esta Xunta de Persoal solicitou formalmente á Consellería de Educación o seu cesamento. A día de hoxe, non se recibiu ningunha resposta por parte da Administración.

    Hoxe, mércores 25 de marzo, estaba convocada a primeira Xunta de Persoal ás 10 da mañá á que o director territorial non acudiu, escusando o inspector xefe a súa ausencia por haber unha incidencia «urxente» nun centro de Lousame, da que xa era coñecedor onte, martes, sen comunicalo previamente. Estamos ante a primeira mostra de falta de respecto cara ao profesorado, a través da Xunta de Persoal.

    Xa é «coincidencia» que ante a primeira convocatoria da Xunta de Persoal, na que o principal punto da orde do día era a petición do seu cesamento, haxa unha incidencia no comedor dun centro de Lousame, concello no que foi alcalde durante varios anos.

    Esta mesma dilixencia e presenza física é a desexable para este cargo ante todos os problemas educativos dos centros docentes da Coruña.

    Con todo, dende este órgano de representación do profesorado, consideramos que a designación deste cargo debería responder a criterios de mérito, capacidade e coñecemento do sistema educativo, nun contexto tan complexo como o actual no que os centros afrontan importantes retos organizativos, pedagóxicos e sociais. E os antecedentes públicos do director territorial resultan absolutamente incompatibles co exercicio dun cargo de responsabilidade educativa: investigacións abertas por organismos fiscalizadores, polémicas polo uso de fondos públicos e posicións e comentarios que chocan frontalmente cos valores democráticos e cos principios dunha escola pública, plural e inclusiva.

    Por todo o anterior, a Xunta de Persoal docente da Coruña reitera a súa esixencia de cesamento inmediato e reclama o nomeamento dunha persoa que conte cunha traxectoria profesional vinculada ao ensino e cun compromiso firme cos principios de igualdade, respecto e servizo público.

    Igualmente, advírtese que non se tolerará ningún comportamento discriminatorio nin actitudes que supoñan unha falta de respecto ás mulleres ou a calquera outro colectivo.

    E para que así conste, asinan na Coruña as organizacións sindicais (CIG-Ensino, CCOO Ensino, ANPE e STEG) presentes na Xunta de Persoal Docente.