Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Abril 2026.

Vitoria sindical: asinamos o novo convenio de conservas con máis dereitos e sen fenda salarial

    CCOO ratifica un acordo que garante o poder adquisitivo, crea unha clasificación profesional xusta e incorpora novos dereitos sociais e protocolos pioneiros

    26/03/2026.
    Aprobado o convenio de conservas do peixe.

    Aprobado o convenio de conservas do peixe.

    Este pasado martes, 24 de marzo, despois de máis de seis horas de reunión e de intensos debates no seo da comisión negociadora do convenio de conservas de peixe, acadouse a ratificación do acordo do SIMA do 2 de febreiro. O paso máis importante da xornada foi pechar a definición definitiva da nova clasificación profesional por niveis, así como a transferencia do acordo do SIMA á redacción do novo convenio colectivo.

    Compañeiras e compañeiros!, o sindicalismo de clase, demostra, unha vez máis, que a loita serve e dá os seus froitos.

    Onte, 24 de marzo de 2026, despois de máis de seis horas de reunión e de intensos debates no seo da comisión negociadora do convenio de conservas de pescados, acadouse a ratificación do acordo do SIMA do 2 de febreiro. O paso máis importante da xornada foi pechar a definición definitiva da nova clasificación profesional por niveis, así como a transferencia do acordo do SIMA á redacción do novo convenio colectivo.

    Este acordo final, que só foi ratificado por CCOO e UGT, ten unha premisa fundamental: no acordo non hai nin unha soa perda de dereitos. É un avance apoiado pola maioría das persoas traballadoras do sector das conservas de pescados.

    Que conquistas logramos no novo convenio?

    Desde CCOO Industria Galicia elaboramos este resumo coas melloras clave que afectarán ao voso día a día:

    — Salarios dignos e blindados: logrouse unha importante suba dos salarios durante toda a vixencia do convenio, cunha cláusula de revisión ligada ao IPC que asegura que ningún ano se perda poder adquisitivo.

    — Ganancia real: Incluíuse unha cláusula adicional de garantía de ganancia real de poder adquisitivo, que consolida subas por encima do IPC a medio e longo prazo. Os incrementos salariais son considerables e garanten o aumento desta ganancia.

    — Novo chan salarial: creouse o salario mínimo do sector, que será igual ao SMI máis un 2,5 %, reforzando así a dignidade dos salarios no sector.

    — Xustiza e fin ás fendas: a nova clasificación profesional é máis xusta e adaptada á realidade do traballo. Recoñece a cualificación e a experiencia laboral. Grazas a isto, elimínanse os desequilibrios económicos entre grupos profesionais e dáse cabo do desequilibrio que existía especialmente entre o grupo 5 e o 6. Ademais, deseñouse unha carreira profesional clara e definida para o persoal de produción.

    — Dereitos sociais, igualdade e diversidade: as persoas no centro de todo. Inclúense novos dereitos sociais como o incremento de horas retribuídas para o acompañamento médico de familiares e o aumento da axuda escolar. Ademais, haberá protocolos avanzados en materia de igualdade, prevención do acoso e violencia de xénero, emerxencias climáticas, uso de tecnoloxías e medidas de acción positiva para as persoas LGTBI.

    O noso traballo agora: que se cumpra no teu centro

    Desde CCOO valoramos este fito como un grande avance. É, en definitiva, un bo acordo. Pero o noso traballo sindical non remata coa sinatura dun papel: agora, o gran reto é facelo cumprir nas empresas e centros de traballo.

    Se tes calquera dúbida sobre como che afecta a nova clasificación profesional ou os teus novos dereitos sociais, ponte en contacto coas túas delegadas e delegados de CCOO. Estamos aquí para defenderte!